Testimonio | Desaparece o mellor estaleiro do mundo Coa memoria de Astano morre parte da historia de Galicia, un estaleiro que fixo dos seus petroleiros, e dos homes que os construíron, unha lenda de todos os mares
21 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.?unca estivera eu moi seguro, ata hoxe, de qué barco era ese fermoso xigante de ferro (¡entón fixéronse tantos...!), que me quedou pintado na alma. Pero seino ben agora, onte comprobei as datas: era o Butrón , un petroleiro que a min me parecía daquela -de feito, miro a fotografía e síguemo parecendo agora- unha montaña. Fun á súa botadura, quero dicir que me levaron -repelentísimo neno con gafas de pasta e cun libro debaixo do brazo-, e recordo que me emocionara véndoo entrar no mar igual que se aquel barco fose dalgunha maneira tamén unha cousa miña, como se tamén tivese participado na fabricación daquel milagre. Vivía eu, daquela, no que se chamaban as Casas de Astano -foi pouco tempo, apenas un par de anos-, e o estaleiro, que eu cría que debía de ser un país enteiro, ou quizais aínda algo máis grande, era o lugar no que cada día entraba e saía un río de xente, esa xente que facía aqueles barcos. Vivín pouco tempo alí, ao pé da factoría, xa lles digo, pero cando regresei, cousas da vida, a onde vivía antes, Astano seguiu estando cerca, porque aínda que xa non puidese velo máis que camiño de Ferrol, dende o autobús da Capela, ao chegar a noite, xa na casa, por riba do cantar macho das curuxas e do ladrar dos cans asustados, eu miraba, ao lonxe, se espertaba, a luz que dende a factoría viña por riba dos montes, e sentía aquel petar nas planchas metálicas. Pensaba entón que Astano non se acabaría nunca, que tiña o don da eternidade igual que aquel monte Marraxón no que a veces nevaba e no que pacían ceibos os cabalos... Unha aparición na néboa Estáseme acordando agora, por certo, unha cousa que creo que nunca contara: cómo un día que me perdín, oito anos tería, no alto daquel mesmo monte, cando a pesar do medo que tiña me daba vergonza berrar para que os que me levaban consigo viñesen rescatarme , se me apareceu polo medio da néboa, nun carreiro entre os toxos, un carneiro cun cencerro ao pescozo que a min me deu a impresión de estar en presencia do diaño. Pensei que me levaba consigo ao inferno, pero o caso é que ao lonxe empezou a bruar, a través da brétema, a serea do estaleiro, e respirei, porque souben que era a civilización que viña monte arriba no meu auxilio. Estaba salvado. Agora Astano acábase para sempre -quen diga o contrario minte, como mentiron tantos- e con el tamén se esvae parte da vida de moitos, non só dos que alí traballaron e traballan. É unha castástrofe. (Eu penso, sobre todo, nos que xa non traballarán nunca, quizais nin alí nin noutra parte, e non podo evitar indignarme, nin deixar de pensar que fariamos tan mal todos para ter que ver morrer esa fábrica de prodixios, para non dar evitado esta barbaridade.)