ANDAMOS a rememorar as nosas vellas orixes en páxinas de García Bellido. Recolleu este nelas o que da xeografía antiga contou Strabon. Aquel autor pregúntase: ¿Qué galego non experimentará certa emoción ó ver que os gregos lles chamaban xa «kalekos»? Os «kalekos» habitaban, en grande parte, as montañas. Por seren difíciles de vencer, déronlle o seu nome ó vencedor dos lysitanoi . Despois, a maioría destes chamábanse kalekoi ou callaeci . Eran os galegos. Ocupaban daquela a actual Galicia e algo máis. Polo este ata Navia. Polo sur ata o Douro. Decimus Junius Brutus, logo de pacificar a Lusitania, entrou en Galicia o ano 137 antes de Cristo. Pasado o Douro e a Limia, chegou ó Miño. Pola súa victoria recibiu o sobrenome de «Galaico». Máis tarde, César recoñeceu o interior e tomou a Brigantium. Porén, a constante rebelión das tribus fixo que Augusto levase as guerras cántabras deica Asturias e Galicia. Non tódolos kallakoi eran célticos. Antes de Brutus e César, chamábanse lysitanoi ós pobos desta banda da península. Posteriormente, distinguiuse entre lysitanoi propiamente ditos e os kallakoi que comezaban ó norte do Douro. O vello Miño nomeábano uns Bainís. Outros. Minion. Dicía Strabon que era o maior dos ríos de Lysitania, navegable nuns oitocentos estadios.O río nacía e corría por enteiro entre os kallakoi ou o callaeci . O xeógrafo grego considerábao, trabucadamente, lusitano. Noutro lugar, sen embargo, sinalaba que os kallakoi comezaban no Dourius. O texto citaba a illa, que, segundo Bellido, debía ser a Canosa ou a do Airiño do Pasaxe. Atopábase fronte a Santa Trega, onde se conservan os restos do castro coetáneo do xeógrafo heleno.Curiosa é a referencia ós artabroi , que habitaban preto do cabo Nerión. García Bellido clarexaba que eran ocupantes da zona costeira que abranguía as rías da Coruña, Betanzos e Ferrol. Ó cabo Nerión identificábao co Fisterra. Strabon tiña poucos informes desta rexión. Por iso se limitou a aludir vagamente ás varias cidades que se erguían nas beiras das devanditas rías. Unha era Brigantum, outras Adrobica, Claudomerium e Novium.Na nota das liñas xerais, figuraba nas páxinas que lemos, a nosa terra antiga, ricaz en froitos, en gandos, en metais. «Entre os pobos que habitan sobre o río Dourius din que hai algúns que viven ó xeito lacónico e empregan aceite, quentan os seus recipientes en pedras bermellecidas ó lume, bañábanse en auga fría, e non fan máis que un xantar mesurado e sinxelo». Todos estes habitantes eran sobrios. Bebían case só auga. Durmían no chan. Levaban o cabelo longo. Xantaban, principalmente, carne de cabrón. Practicaban loitas gymnicas, hoplíticas e hípicas.Viñan ser peculiares os xeitos alimenticios. Nunha boa parte do ano nutríanse de landras, que, secas e esmagadas, moíanse para facer pan. Ás veces, bebían zytos , e o viño, moi escaso, cando o obtiñan, consumíano decontado nos grandes festíns familiares. Xantaban sentados en bancos construídos ó redor dos muros. Aliñábanse neles segundo as súas idades e dignidades.Velaí, moi sumariamente, algúns dos costumes dos antigos galegos. Cóntanse nas páxinas que García Bellido escribiu seguindo a Strabon. A súa lectura gorentounos durante horas de lecer...