Sálvese quen poida

José A. Rodríguez Arribe AL HILO

CEDEIRA

11 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Con ese berro chamabámonos a saltar á auga todos os rapaces que gozabamos xogando a ser mariñeiros, ao abanear unha chalana coma quen estaba no medio dun temporal, ata que conseguiamos envorcala ocasionando unha gargallada xeral, e logo volta a comezar. Naquel tempo, ata os anos 50, as posibilidades de ter un accidente de traballo no mar ou un sinistro marítimo dos pescadores de baixura e costeiros eran elevadas, debido ás condicións das embarcacións e a que os sistemas de comunicación, a predición meteorolóxica e os medios de salvamento aínda non estaban moi desenvolvidos. E non falemos de tempos antergos nos que a administración só se preocupou deste sector con decisións pouco favorables coma o Estanco do Sal, poñendo un control arancelario a este produto, ou a Matrícula de Mar, que obrigaba aos pescadores a servir á armada real para recrutar levas para os buques de guerra, o que os convertía en auténticos heroes do mar loitando pola supervivencia das súas familias. A realidade dos pescadores, canto á súa seguridade, anda lonxe de ser un xogo e precisa dunha reflexión pausada, feita dende a realidade dos medios e coñecementos actuais. Compre prestar atención ás persoas que traballan nunha embarcación, plataforma móbil, con cubertas esvaradías e ás veces cheas de auga, e humidade permanente, facendo esforzos continuos ou puntuais, e suxeitos ás condicións do mar e do vento, con xornadas marcadas polas manobras pesqueiras; cando estás a pescar paras cando remata a faena. Isto fai desta profesión unha das máis perigosas. Dende a óptica actual, enténdese que ditar só normas, sendo imprescindibles, val de pouco, o que leva a facer unha forte aposta polas ferramentas que semellan básicas, isto é, potenciar ao máximo á persoa, pescador, mariscadora, redeira, etcétera. Só un pescador comprometido coa prevención é un pescador seguro. Este axioma tan elemental compre dicilo nun sector que precisa dunha ampla formación complementaria para poder realizar o seu traballo. Este compromiso do pescador tradúcese no que tecnicamente se denomina «integración da prevención de riscos laborais nos procedementos de traballo». É imprescindible que dende o momento en que se salte a bordo ata a volta a porto, todas as tarefas se fagan coa seguridade como norma. Isto implica, sobre todo nos mariñeiros máis veteranos, cambiar actitudes e métodos de anos, desterrando a expresión «sempre se fixo así», ou o vello fatalismo de que o mar é malo e sempre houbo e haberá accidentes. É o momento de que polo menos os novos mariñeiros se comprometan coa prevención. Temos medios que permiten ás tripulacións coñecer as predicións meteorolóxicas e organismos especializados, que poñen á súa disposición ferramentas que lles permitan tomar decisións que os leven a mellorar as súas condicións laborais e non teñan que chegar a mancarse no traballo ou a ter que repetir a expresión do vello xogo. José A. Rodríguez Arribe, técnico de prevención de riscos laborais na pesca e secretario da Asociación Mares de Cedeira (museo).