O Concello destina 2.205 aos premios do concurso de disfraces que se celebrará mañá e o goberno local subliña o traballo e a implicación das asociacións nesta festa
09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.? O entroido leva días chamando á porta e mañá vivirase con intensidade en Cedeira. A delegada municipal de Cultura, María Xosé Rodríguez, convida a vivir esta festa, impulsada polo Concello -que destina 2.205 euros a premios- coa colaboración e o traballo das asociacións. A conselleira subliña o papel dos colectivos: «Grazas a eles e á súa implicación estamos tentando recuperar unha celebración con moita tradición en Cedeira. Representantes de once entidades formarán o xurado [que elixirá aos gañadores do certame do sábado] e outras tamén se sumaron aos preparativos e estarán na representación do Enterro da Sardiña [que terá lugar o día 17, ás 17.00 horas, na praza da Marieta]».
O desfile de mañá partirá ás cinco da tarde da praza Roxa e, por mor do tempo, dirixirase ao polideportivo. «Anuncian auga e é unha mágoa para as carrozas e a xente disfrazada; pensamos que no pavillón a xente pode velo moi ben desde as gradas», explica Rodríguez. Repartiranse 1.300 euros entre as tres mellores comparsas (con nove ou máis compoñentes); 750 entre os grupos (de tres a oito integrantes); 90 para as parellas; e 65 para os participantes individuais. O prazo para inscribirse pecha hoxe venres, ás 14.00 horas, directamente no consistorio ou a través da sede electrónica.
E de noite haberá baile de entroido na praza Roxa, con música da orquestra La Oca. No pavillón tamén se celebrará a festa infantil do luns, de 17.00 a 20.00 horas, con inchables, música e animación para todos os asistentes. Cedeira e os cedeirenses toman impulso para gozar do entroido.