«O auditorio non é sitio para o centro de día, pararémolo»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

O grupo do socialista Moreda goberna co BNG e Anova.
O grupo do socialista Moreda goberna co BNG e Anova. josé pardo< / span>

O alcalde, o socialista Pablo Moreda, cre que o PP, «nalgunha cousa, non seguíu os parámetros legais... Aí están os reparos do interventor»

20 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Cedeira séntese «moi respaldado» polos compañeiros, «de tres formacións, pero un só grupo». O socialista Pablo Moreda Gil (Foz, 1973), enxeñeiro técnico agrícola, eloxia «o traballo, consenso e implicación» deste equipo. E ousa pronosticar: «Se todo segue nesta senda, sería moi boa xestión».

-¿Como foi a primeira semana?

-Moi ben, con moitísimo traballo. O grupo de goberno está moi implicado, tódolos concelleiros en tódalas áreas. Píllamolo nun momento difícil porque está enriba o verán e hai temas moi importantes, festas, limpeza de praias, socorrismo, contraincendios... Hai moitos contratos, por medio de subvencións, que tiñan que estar medio tramitados e tivemos que facelo nós en nada, mentres nos poñemos ao día.

-¿Atoparon algunha sorpresa?

-A maior sorpresa que vexo é a través de Intervención, que marca unha liña de traballo que quere que sexa diferente a como se facía. Queren que se sigan os procedementos nos contratos... Tódolos días aparecen documentos que levan aí dous meses e que os estamos sacando adiante agora.

-¿Que vai pasar coas festas?

-O martes teremos unha reunión coa comisión (intentámolo varias veces e non se puido). Non sabemos que van facer. Hai actuacións contratadas e outras apalabradas. Teremos que valorar e estudialo ben, porque a París de Noia ou Combo Dominicano están reservadas por cantidades de diñeiro moi grandes. Unha asociación ofreceuse a botarnos unha man no caso de que o Concello tivese que organizalas.

-¿E as primeiras medidas?

-Coñecer as empresas vinculadas ao Concello. Tivemos unha reunión con Celta Prix (limpeza e a recollida do lixo), vendo os pregos de condicións dos contratos, porque hai queixas dos cidadáns e queremos chegar a bo fin. Tiven unha reunión con Rafael Eimil (xefe de Costas) pola praia, un problema que arrastramos, no que se están facendo accións a curto prazo e nós tamén queremos que algún estudo a longo prazo. Afecta a Costas, Portos, saneamento, marisqueo...

-¿Terán algunha dedicación máis ca do alcalde?

-De momento non. Estamos vendo. Hai moito traballo e xente que está traballando igual ca min.

-¿Canto cobrará?

-Aínda non o acordamos, pero será menos do que marca a Lei (en concellos de 5.000 a 10.000 habitantes, 45.000 euros brutos).

-¿Que farán co proxecto do centro de día no auditorio?

-A nosa idea é paralo, non é o sitio adecuado para o centro de día, e deixar alí aos maiores, axudándolles na limpeza, en servizos...

-¿Manterán o local da praza?

-De momento hai un contrato asinado e respectarémolo, vendo como se pode xestionar mellor.

-¿Que necesita Cedeira?

-O máis importante é facer unha xestión dentro do Concello de acordo aos parámetros legais que marcan os funcionarios...

-¿Non se estaba facendo así?

-Creo que nalgunha cousa non e aí están os reparos do interventor... A partir de aí, emprego, servizos sociais... Aquí ves moitas carencias e casos de emerxencia social que descoñecías. E a estrada a Ferrol, a primeira reunión oficial que pedirei será coa conselleira de Infraestruturas.

-¿Como ve que dous deputados provinciais (PSOE) sexan da zona?

-É moi importante e pode axudar a conseguir cousas (...). Creo que a comarca sairá moi fortalecida tamén ao ter concellos con gobernos novos, con sintonía. Tiraremos todos adiante xuntos.