Mundo Piquelo, unha ebanistería creativa e artesá en Cabanas

ANA F. CUBA CABANAS / LA VOZ

CABANAS

JOSE PARDO

O ourensán Davide Piquelo ideou unha moblescultura, un proxecto para axudar ao banco de alimentos de Ferrol

06 jul 2020 . Actualizado a las 21:14 h.

Davide Piquelo identifícase como «cabanés de Molgas». Naceu no municipio ourensán de Baños de Molgas hai 39 anos e vive en Cabanas, onde instalou a súa ebanistería artesá. «Tiña unha carpintería máis ao uso, montabamos cociñas, armarios, tarimas... Pero cando naceu a miña filla maior, hai seis anos, intentei ser eu o que conciliaba, pero foime moi difícil, dábanme as tantas nas obras», conta. Na nave había un recunchiño máis creativo, «onde botaba os demos e as alegrías», e unha noite, algo superado pola vida, decidiu darlle unha oportunidade, viu «que aquel recunchiño se podía converter nun mundo». E aí xurdiu Mundo Piquelo, unha ecoebanistería creativa, sen poliuretanos nin vernices. «Todos os acabados son naturais, con cera das colmeas dun veciño de Molgas, cociñada no meu obradoiro, carnaúba de Brasil ou goma laca», explica.

Davide foise desfacendo das máquinas e volveu ás garlopas, ás trenchas e aos cepillos, ferramentas manuais para un traballo artesanal, o que perseguía, compatible con levar aos nenos ao taller. «Conseguino apoiándome na restauración de mobles, o que me permite sacar un xornal para poder facer as pezas que me pide o corpo». Ás veces parece que fai maxia e transforma unha cadeira vella nun colgadoiro ou un chineiro esquecido nun moble útil. «Mesturo pezas de mobles vellos... Intento gañarme a vida co que se fai e non con canto se fai».

Logo comezou cos cursos de restauración e creatividade e as alumnas propuxéronlle adornalo espazo para Nadal. E de materiais de refugallo naceron as #Enarboradas, bolas de madeira para enarborar o movemento feminista: «Unha encaixaba na outra e a que a suxeitaba tiña unha franxa morada, pola simboloxía». A idea era vendelas e entregar o recadado a un colectivo feminista, pero acabou sendo o xerme dunha biblioteca feminista itinerante (que vai ir por Cabanas, ao supermercado, á farmacia ou ao centro de saúde), coa colaboración dos Servizos Sociais do Concello; e dunha asociación, que se vai fusionar cun colectivo de nais «moi activas». Davide declárase feminista, «o máximo practicante posible».

«Vinme arriba e quería facer algo máis importante, cunha peza maior [...], facer o traballo que me gusta e o que sinto, e que teña unha carga social». E ideou unha moblescultura -«un moble con alma e unha escultura aproveitable»-, Áurea, en homenaxe á primeira gaiteira coñecida. Quere facer dez (de madeira de nogueira e castiñeiro, con incrustacións) para vendelas a 1.750 euros, dos que 437,50 se doarán ao banco de alimentos de Ferrol. É case unha iniciativa de micromecenado, precisa que alguén as compre para logo crealas, numeradas e personalizadas.

Nun caixón garda outro proxecto. Alí foi metendo os debuxos da súa primoxénita, que desde pequeniña pintaba mobles, coma seu pai, «con deseños que só se lle ocorrerían a unha cría». E agora pensa en darlles vida a eses mobles raros, inspirado nos trazos da pequena, mobles de patas finas, feitas de cabillas de aceiro; e mesmo en artellar un obradoiro para que outros pais creen os mobles debuxados polos seus fillos. Todo cunha filosofía clara, recuperando os materiais que atopa na praia ou un buxo que tira o vendaval, «porque o moble máis ecolóxico e que xa está feito».