«Xa temos un proxecto e a parcela para o centro de día»

A.F.C. AS SOMOZAS / LA VOZ

AS SOMOZAS

JOSÉ PARDO

Di que a actividade industrial se reactiva tralo efecto da crise

21 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O candidato do PP leva 24 anos de concelleiro nas Somozas. Juan Alonso Tembrás (A Capela, 1949) asumeu a alcaldía a finais de xaneiro de 2014, tralo falecemento repentino de Manuel Candocia Ramos, con quen exercera de primeiro teniente de alcalde ao longo de dúas décadas. Agora encabeza a lista por primeira vez.

-¿Foron duros estes meses?

-Levo case ano e medio e foi difícil, pero non che queda máis remedio que seguir, no Concello, negociando coas empresas do polígono, que é municipal...

-Ao marxe do falecemento de Manuel Candocia, ¿que balance fai deste último mandato?

-É positivo. Fíxose a terceira fase do polígono industrial, cun novo acceso á estrada As Somozas-Felgosas; e implantáronse empresas como Sologas, cun investimento de 22 millóns de euros (a finais de 2015 queren presentar outro proxecto cun investimento similar, tamén para a transformación de residuos). Construíronse as beirarrúas e estase instalando o alumeado e o saneamento no acceso do polígono á AC-110, igual que en Seixas. Outras obras son o acondicionamento do entorno da igrexa, a sinalización do vial da urbanización do Carballo, xa contratada; rematou o acceso a Recemel desde a AC-110 e púxose alumeado público; estanse rehabilitando as antigas escolas da Toca e O Fronxal para locais sociais; e no Seixidal xa está contratada a obra para facer un museo etnográfico e recuperar a finca con árbores autóctonas e frutais. Tamén fixemos un convenio coa Consellería de Infraestruturas para preparar a praza do centro do pobo, por uns 700.000 euros, cunha ponte nova sobre o río e prazas de aparcamento en batería. Tamén se puxo en funcionamento o complexo deportivo.

-¿E que proxectos teñen?

-Compramos a nave de Galicia Aviónica para crear un viveiro de empresas para alugar a un prezo módico; vaise organizar un campamento de verán, en xullo e agosto, para os nenos; e xa temos unha parcela e un proxecto para poñer en marcha un centro de día para os maiores.

-A crise afectou ao polígono.

-Si, pero agora a empresa Omega 3, que leva moito tempo coa obra parada, dixo que ía retomar a construción a mediados do verán, para empezar a actividade. E Sologas vai meter 30 persoas a traballar nos próximos meses.