José María López Ferro: «A desaparición das aldeas é hoxe un dos grandes problemas de Galicia»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

AS PONTES

cedida

Reivindica a importancia de manter vivas as raíces da cultura tradicional

09 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José María López Ferro naceu nas Pontes hai 68 anos. Mestre de profesión, durante longos anos compaxinou o labor docente, ao que chegou con fonda vocación e co que sempre se sentiu moi comprometido, con outra das súas grandes paixóns, a etnografía. Seguindo o modelo do Museo Etnográfico da Capela el fundou, nas Pontes, o Museo Etnográfico Monte Caxado. Unha institución que naceu no centro educativo do mesmo nome, pero que hoxe, tras seguir medrando sen parar, xa ocupa un edificio en pleno casco histórico da vila pontesa. E todo grazas á fundación creada, coa súa propia familia, por López Ferro.

—As grandes tradicións do mundo rural galego vanse esvaendo, pouco a pouco...

—Si, así é. E eu temo que a desaparición do noso mundo rural xa poida ser algo irreversible. Mais, así e todo, penso que nunca se debe renunciar por completo á esperanza, porque a propia vida nos ensina que o futuro é completamente impredecible.

—A aldea, como epicentro de todo o complexo universo da Galicia tradicional, vai perdendo o seu papel. Tristemente, moitas aldeas acaban por baleirarse.

—Na miña opinión, a desaparición das aldeas é hoxe un dos grandes problemas de Galicia. A aldea é para o noso territorio, en todos os sentidos, algo esencial, e aínda que o mundo rural que eu coñecín na miña infancia xa non existe, penso que hai moitas cousas que aínda se poderían facer para que as aldeas non desaparecesen. Apostar de verdade polo turismo e pola cultura sería unha boa fórmula. Pero hai moitas máis opcións...

 «Cando antes sentía falar das visións era moi escéptico, pero agora xa o son menos»

Conta José María López Ferro que segue estando fascinado polo marabilloso mundo máxico que envolvía o mundo rural galego. E confesa que, conforme os anos foron pasando, cada vez se foi sentido máis apegado ao que os seus devanceiros sentiron como algo propio durante séculos.

—A modernidade e as súas tecnoloxías acabaron por afastarnos do inmenso misterio que nos rodea?

—Pois verás, vouche dicir unha cousa [sorrí José María]: eu antes, cando sentía falar, por exemplo, das visións, era moi escéptico. Pero agora xa cho son menos. Meu pai vía quen ía morrer. Era unha desas persoas que dicían que vían o enterro, un enterro que aínda non se producira, e vendo quen eran os portadores da caixa, sabía, ou podía supoñer, quen ía ser o defunto. A min, de novo, todo iso me parecía non só rarísimo, senón algo difícil de crer, Pero agora, á miña idade, xa me fago preguntas que antes non me facía. Antes había xente que tiña unha capacidade perceptiva moi especial.

—Dicía don Gonzalo Torrente Ballester que a chegada da electricidade rematou co misterio dunha vida que axudaba a soñar... e a ver un pouco máis alá.

—A nosa cultura experimentou cambios moi fondos, e sufriu perdas inmensas, perdas terribles. E todo iso reflectiuse, inevitablemente, no universo das crenzas.

—Irremediablemente?

—Mira, a cultura tradicional galega era unha cultura moi apegada á terra. Fisicamente, por suposto, pero sobre todo espiritualmente. Iso determinaba a relación co mundo. E o que deixamos perder era un tesouro: unha valiosísima forma de sabedoría.