Os veciños de Sedes celebran o Día da Poesía con cine, cocido e moita música

P. H. NARÓN / LA VOZ

FERROL

Día da Poesía en Sedes, Narón
Día da Poesía en Sedes, Narón Vai Rañala Meu!

As actividades estiveron organizadas por Vai Rañala Meu!

23 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre música, proxeccións cinematográficas e mesmo un cocido, os veciños de Sedes celebraron ao longo de toda a pasada fin de semana o Día Internacional da Poesía. Esta parroquia de Narón, coa organización da asociación cultural Vai Rañala Meu!, xa tivo o sábado no centro cívico social a proxección do documental A Forein Song (premio á mellor longametraxe española do Festival Internacional de Cine de Gijón), un paseo recital poético con oito poetas e poetisas da comarca, e o cocido de Sedes que chegaba á súa quinta edición.

 

E xa este domingo, seguiu celebrando o Día da Poesía cun obradoiro de iniciación á pandeira da man de Felisa Segade (a que fora integrante do grupo Leilía). Desvelou os segredos «deste instrumento que persistiu na montaña dos Ancares entre as terras de Galicia, Asturias e León)».

Esta actividade entrou nas xornadas formativas de música tradicional, que organiza cada ano esta asociación cultural Vai Rañala Meu! en Sedes.