A portavoz nacional do BNG demandou en Caranza que o Goberno autonómico poña a disposición dos veciños medio centenar de vivendas de titularidade autonómica en desuso
06 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou onte en Ferrol que a Xunta poña a disposición dos veciños os máis de medio centenar de vivendas que ten en desuso en Caranza. Nunha visita ao barrio, e tras reunirse con representantes veciñais, a voceira nacionalista declarou que «é un auténtico disparate que haxa vivenda pública pechada nunha cidade onde moitas persoas non poden pagar un aluguer». Fíxoo tras pór ao barrio máis poboado de Ferrol como «exemplo da deixadez» da Xunta, con vivenda de titularidade autonómica «pechada a cal e canto», lo que considera «unha irresponsabilidade».
Criticou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) «ou non atende ou é lentísimo á hora de poder ter as vivendas que ten en propiedade en condicións axeitadas». E neste senso, considera que o Goberno autonómico estáse a comportar como «unha especie de caseiro cutre» coas súas propiedades.
Pontón demandou tamén un acordo entre o Ministerio de Defensa e a Xunta para ofertar a prezos asequibles as vivendas de titularidade estatal dispoñibles na cidade. «Temos un problema moi grave de acceso á vivenda», sostivo, considerando que neste momento hai «moita propaganda, pero poucos feitos». Considera que o PP «dinamitou a política de vivenda» nos seus últimos 17 anos á fronte da Xunta. E reclamoulle que aposte por incrementar o parque público de vivendas exercendo o dereito de tanteo e retracto sobre toda vivenda protexida que se poña en venda, para destinala preferentemente ao alugueiro.
O Sánchez Aguilera
Representantes nacionalistas acompañaron a Pontón na súa visita, onde primeiro estivo no centro cívico e despois desprazouse ao local do Galicia de Caranza. Entre eles, atopábanse os deputados Ramón Fernández e Xosé Manuel Golpe. E tamén o voceiro municipal do Bloque en Ferrol, Iván Rivas, que destacou a potencialidade do barrio de Caranza. E aproveitou para censurar tamén a política de vivenda do Goberno local, «desenvolvendo vivendas de carácter especulativo no centro a través do proxecto para o Sánchez Aguilera». Considera que «sería mellor» que eses fondos necesarios «se destinasen a recuperar un barrio coa potencialidade que ten Caranza», concluíu.