Amparanoia triunfa con luz, calidez e ritmos tropicais

gala dacosta / A.U. FERROL / LA VOZ

FERROL

amparanoia ferrol
CARLOTA LÁZARO

A banda encheu de optimismo e música fusión a praza de Armas no segundo concerto dos festexos da cidade

24 ago 2021 . Actualizado a las 17:24 h.

Nunha noite de lúa chea amarelísima e vento xa fresco de finais de agosto Amparanoia soubo aproximarse ao público ofrecendo luz, calidez e ritmos tropicais. A música fusión atraeu ata a praza de Armas a un público maioritariamente adulto, que probablemente escoitaba o grupo a finais dos noventa e inicios dos dousmil, cando as orixinais propostas musicais de Amparo Sánchez comezaron a arrasar tanto en España como fóra.

Con todas as localidades reservadas, aventúrome a pensar que a baixada das temperaturas foi o que ocasionou que non se cubrisen a totalidade dos asentos. Aínda así, o público mantivo os ánimos arriba tan pronto como oíu a voz en directo da vocalista.

O escenario é fundamentalmente feminino e as letras teñen unha clara vontade reivindicativa. Nos últimos temas cantan á Galiza Tropical e aos movementos feministas da América Latina. Fano ao son da cumbia, sen perder nunca o espírito. É música para todas e todos, queda claro dende a primeira canción, Mi genética, ata a última, Que te den.