As pontes romanas son exemplo de prudencia. A ponte de Mérida é dunha lonxitude fóra do normal, en previsión dunha enchenta do río Guadiana. A ponte das Pías é cativa para anchura da ría. Fixeron un recheo para a estrada. cambiaron as correntes e temos fondos de lodos. Outro tanto fixeron na ponte do Ferrocarril de Xuvia. Unha das pontes máis feas que teña visto. O ben recordado Fernando Miramontes soñaba cunha ponte a grande altura entre castelos. El quería entrar en Ferrol por Mugardos, cunha ponte ao estilo da de Porto. O camiño de Santiago foi posible pola construcións de pontes. Moitas xa eran romanas. A ponte medieval de Puente la Reina é para estudar nas escolas de arquitectura. Non foi barata. Pero a construíron sen reparar gastos. Son dun pobo que naceu precisamente da construción dunha ponte: Ponferrada. Foi decisión do bispo Osmundo. Daquela aos bispos, seguindo unha tradición romana, tamén lles dicían Pontífices. Os que fan pontes. Unha perspectiva digna de ter en conta. Pero agora prefiren a palabra obispo que ven de episcopo= mirar arredor, vixiar. Consideren o detalle. Simbolicamente as pontes serven para unir e comunicar dúas bandas. Aínda así seguiron os piques entre os de arriba e os da Puebla, chamados hebreos. Pero aquel bispo Osmundo quería xuntar e que os peregrinos e burgueses circulasen. En Ponferrada, agradecida, o pontífice Osmundo ten unha estatua. Agora temos sete pontes. O caso é chegar axiña a Galicia. Ou saír. Éche un vai ven.