Centro cultural

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

02 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aporta do Centro Cultural vai adornada dun letreiro que di: «Aquí se exercita la caridad». Testemuña de que o edificio foi Hospital de Caridade e como tal funcionou no sitio até 1974. Por convenio urbanístico pasou ser propiedade do Concello. Buscouse por terra, mar e aire promotores para restaurar o edificio e convertilo en algo educativo e cultural. Pensouse como Conservatorio de Música, como sé da UNED, como escola de Idiomas e como escola de Artes e Oficios. Pero non houbo maneira de convencer a ningunha institución pública ou privada que financiara a restauración. Até que chegou aquel goberno tripartito da Xunta. O conselleiro de Cultura era o escritor Alfredo Conde, daquela no PSOE. Visitamos a Alfredo Conde que tomou a decisión de restaurar o edificio para Centro Cultural. Unha decisión en contra da postura dos asesores. Alfredo Conde dixo: «Ferrol necesita unha discriminación positiva». Fixera a mili en Ferrol e tíñalle a esta cidade un cariño especial. Era Xefe de gabinete da consellería Bonifacio Borreiros que tomou interese en que a restauración fora para adiante. E así foi. Pero como a política é volátil, cando se inaugurou o Centro Cultural, Alfredo Conde xa non era conselleiro. Pero un amigo de confianza díxome: «Poida que o nome de Alfredo Conde figure na lápida de autoridades, mais clandestino. Pola parte de atrás». E se non figura pois que figure. A restauración do edificio para Centro Cultural foi cousa de Alfredo Conde. A vaquiña polo que vale.