Santa Sofía

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

01 ago 2020 . Actualizado a las 10:57 h.

Sofía: Sabedoría. Platón non lle puxo adxectivos, porque a sabedoría ou é racional, científica ou é outra cousa. Nin é santa, nin é democrática, nin é monárquica... Sabedoría e máis nada. A basílica de Santa Sofía érguese riba de moitos templos dos deuses grecolatinos. Digamos que o cristianismo varreu edificios, estatuas, mosaicos e libros que non cadraban ben coa crenza relixiosa. Nalgún caso aproveitou capiteis, columnas e mesmo edificios enteiros, poñendo moito coidado na limpeza de signos “demoniacos”. O libro “La Edad de la penumbra” de Catherine Nixey fai un catálogo terrible da destrucción sitemática da cultura clásica, mesmo da “sofía”, isto é, dos coñecementos científicos e racionais. Os musulmáns viñeron coa mesma furia puritana de santa intolerancia. Contra o cristianismo e tamén contra calquera outra relixión “idolátrica” e “blasfema”. Aos intolerantes dálles sempre por destruir a “Sofía “ e máis os signos das relixiòns vencidas. En España na “reconquista medieval ” destruiron case todas as mezquitas e sinagogas. Quedou de milagre a Xiralda de Sevilla. Á mezquita de Córdoba déronlle unha trabada de bárbaros. Agora o edificio é catedral. O primeiro arcebispo de Toledo, o francés Bernardo, non respectou o pacto de tolerancia que quería o rei Afonso VI e ocupou a mezquita e despois a derrubou. Agora Santa Sofìa de Constantinopla é mezquita e tapan os mosaicos bizantinos, porque perturban os rezos islámicos. Son moi escrupulosos nos rezos. O odio tamén reza.