Arrieros somos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

17 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Adon Quixote púñalle dos nervios a incontinencia refraneira de Sancho Panza. O idealismo tolo do cabaleiro non aguantaba o realismo popular do escudeiro. Os refráns son efectivamente pouco románticos e nada idealistas. Os proverbios latinos que colleitou Erasmo correspóndense cos refráns que circularon e aínda circulan por toda Europa e retratan un mundo de sabedoría vella.

Na pandemia do coronavirus algúns partidos políticos saíron escopetados contra o goberno do Estado. Acusarono precipitadamente dos mortos (cando o goberno tan só sumaba os datos da enfermidade que daban as Comunidades Autónomas.) A ousadía do cazador coa escopeta cargada foi delirante (coma don Quixote). E agora resulta que os mortos das residencias de vellos -os mortos que superan toda previsión- se volven contra o cazador.

Mentres os ociosos andaban de cacería aloucada, alguén na trincheira deu ordes explícitas e apuradas de non sobrecargar as UCIS con anciáns contaxiados. Como nas guerras, pensaron que era de razón elixir a quen atender primeiro... Así foi como os mortos se multiplicaron por sectores sensibles... E cada morto é unha persoa.

Os cazadores deberán pensar antes de saír se é correcto e legal a caza en tempo de veda ou se saben manexar a escopeta ou se é prudente disparar a todo o que se move, porque pode pasar como no refaneiro: «Alguacil alguacilado; cazador cazado; o tiro pola culata... Unha cousa é predicar e outra dar trigo«. «Onde as dan as toman». E aínda hai máis.