Dona Perfecta na guerra


Meu pai tiña na guerra un compañeiro, un tal Villegas, que daba noticias de avances e retrocesos militares mellor que os partes. Un as da información. Este Villegas non ten nada que ver con vostede, señor e señora Villegas. Lamento a coincidencia de apelido. O tal Villegas sabía de todo. Admiraba a Yagüe: «Que se Yagüe falara con Franco de avanzar até Badajoz». «Que se o da praza de touros fora cousa de Queipo, que lle dixo “siga pa riba, sin dejar enemigos a la espalda”».

Villegas corrixía tácticas. Sabía de envíos de material bélico tanto para a República como para os nacionais. Se criticaba aos mandos, que tamén, baixaba a voz coma un conspirador: «Non contedes isto». O do avión de Mola fora cousa de Franco, «así como volo conto».

Meu pai chamaba a Villegas «dona Perfecta». Recoñecíalle unha cousa boa. Na comida repartía o pan en cachiños pequenos e dicía: «Práctica de xesuíta. Se sobran cachos, sobra pouco». Pero por suposto non sobraba nin o cortezo máis cativo. Era amigo das bolas. Metíaas con algunha verdade e todo semellaba verosímil. «Dixeron do mando...», «o cabo furriel escoitou...». Villegas foi veraz, mentireiro e malintencionado coma as radios.

Agora escoito a moitos e moitas donas Perfectas que saben do virus máis que os propios médicos. Corrixen, critican, denuncian contradicións, fan correr embustes e case sempre son derrotistas. Non teñen o coidado de falar polo baixo coma Villegas, nin parten o pan a cachiños como os prudentes xesuítas. Cansa moito tanto insensato.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Dona Perfecta na guerra