Humboldt en Ferrol

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

18 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora mesmo vexo as copas das árbores, deitadas aos refachos dos ventos traídos pola borrasca. As augas baten os cantís de Prior con furia, quizá como a sufrida pola fragata Pizarro na súa accidentada saída do porto da Coruña en 1799, levando ao xeógrafo Alexander von Humboldt e ao botánico Bonpland no inicio da súa viaxe marítima por posesións do reino de España. A autorización do rei ao empeño de Humboldt permitiu unha expedición novidosa no seu enfoque e metodoloxía que cambiaría a forma de pensar sobre o mundo e o traballo científico, influíndo en personalidades senlleiras, como o mesmo Charles Darwin. Desa odisea falará no Museo de Historia Natural de Ferrol o historiador da ciencia Xosé Antonio Fraga a semana vindeira, desvelando de paso unha descoñecida estadía dos expedicionarios en Ferrol previa á saída da viaxe, e as razóns da mesma. Lembrar a historia de xestas como esta é de xustiza para valorar a importancia e dificultade da conquista do coñecemento científico, o único saber humano contrastable e debatido. Costa imaxinar aquelas pequenas naves de madeira e ferro, movidas pola enerxía do vento e o saber dos navegantes, axudados por mapas de dubidosa traza que o protagonista desta columna axudou a mellorar, sucando mares sen plástico nen contaminantes químicos. O avance da ciencia fíxose lentamente ao longo de séculos “a ombros de xigantes”, pese a prohibicións de dogmatismos relixiosos. Humboldt foi un deses xigantes singulares, e o seu legado fíxose realidade polo mérito do seu traballo, incluíndo o logro da confianza española que, por certo, fóralle negada por outras potencias da época. Unha reflexión a facer para valorar a nosa historia.