Estaban as dúas rulas pousadas nos aramios da luz, entre antigos trigais de Covas, mirando as terras, co asombro de non atopar as espigas douradas abaneando co vento nordés. Tiñan o aire de quen non conta co feito de que a realidade muda, sen aviso a navegantes usuarios de vellas cartas desfasadas. Os seus devanceiros deixáronlles recado nos xenes de que nos campos galegos había boa comida, que pagaba o esforzo de voar dende a invernada no Sahel africano para picar nas herbas, entre o centeo e o trigo destas terras altas e farturentas. Que podían facer o seu niño co arume arpado das pólas de piñeiros rumorosos. Xa non son os tempos nos que Rosalía de Castro mandara calar a unha delas, cando eran aves comúns con nome de seu. Hoxe que o agro xa case non da gran sen herbicidas e os piñeiros trocáronse en eucaliptos, son unha das moitas aves en declive, o 70% menos en Europa dende 1980. Por iso España está especialmente emprazada a tomar medidas para frear a situación. Pois aquí crían, e ademais se cazan as propias e as que retornan a África dende o norte. Mais as competencias son autonómicas, e só Asturias, Cantabria, Canarias e a Comunidade Valenciana impiden a súa caza. O goberno galego demostra estar máis a pólvora que a biodiversidade, pois autorizou este ano a súa captura, incluso en zonas críticas para a especie como A Limia que, inda por riba, foi declarada en 2009 zona de especial protección para as aves. Iso motivou estes días a varias organizacións galegas a demandar medidas de conservación para frear este desatino. Quizá un pau ambiental de Bruxelas e a crecente demanda para pan de calidade de trigo e centeo do país protexan as rulas en Galicia.