Tal día como hoxe de hai un ano, as rúas de Ferrol enchíanse de milleiros de mulleres -e de homes- no que se considerou unha xornada histórica para o feminismo e, en definitiva, para
todas e todos aqueles que loitan pola igualdade entre mulleres e homes. E, de novo, outro 8 M e de novo outra cita, tamén na nosa cidade, para a reivindicación pacífica, pero non silenciosa, de quen constitúe, nin máis nin menos, que a metade da poboación.
Vivimos malos momentos para a igualdade. Desde certos colectivos está a alimentarse unha mensaxe perigosa e, sobre todo, falsa, acerca do que se reivindica desde o movemento feminista e desde todas aquelas entidades, partidos e institucións que defenden unha máxima que debería ser tan obvia como é a igualdade. Fronte ao que se quere trasladar deste xeito tanescuro, tal vez sexa necesario lembrar que feminismo non é agresividade, non é supremacía, non é violencia. Feminismo non é antónimo de machismo. Feminismo é sinónimo de igualdade.
Queremos a coeducación; queremos as mesmas oportunidades e non ter que demostrar constantemente a nosa valía e capacidade; queremos gañar o mesmo soldo por realizar o mesmo traballo; queremos poder decidir sobre a nosa maternidade -e non a doutros-; queremos conciliar e compartir os coidados; queremos seguir vivas e que non se nos agreda física, psíquica ou sexualmente polo simple feito de ser mulleres; queremos acabar cos estereotipos de xénero e con eses micromachismos cos que convivimos cada día. En definitiva, queremos ser iguais. Por iso, e por todas nós, hoxe asistirei aos actos do 8 M en Ferrol. Eu vou.