Fitur

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL

25 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ferrol dará hoxe a coñecer en Fitur as iniciativas de promoción turística da candidatura local a Patrimonio Mundial, solventando a decisión de non levala en 2018, baixo a escusa, por parte da sociedade mixta de turismo, de que a Unesco aínda non outorgara a distinción á cidade naval. Así, á marxe do que decida facer a Xunta respecto diso -na edición pasada, ignorarnos sen ningún pudor-, o magnífico e único patrimonio do século XVIII será protagonista dunha das principais feiras internacionais do sector turístico. Para evitar «esquecementos» ou «erros» como o do ano pasado, resulta fundamental asumir que o turismo é elemento diversificador dunha economía, como a local, excesivamente dependente do naval. Baixo este precepto, é dicir, tomando en serio a potenciación do sector, resulta imprescindible e urxente elaborar un plan estratéxico por quen coñeza ben a cidade e as súas potencialidades, de modo que se poña o acento naqueles «produtos» ou «paquetes» que poidan captar mercado. Por unha banda, aqueles de “tempada” ou de eventos concretos, como a Semana Santa ou o turismo ao aire libre (praias, sendeirismo ou bicicleta), e por outro, os que poden desestacionalizar e consolidar o sector, como as Meninas -a maiores da cita anual de setembro-, o Camiño Inglés e as rutas Modernista, arqueolóxica de Esmelle e da Construción Naval (o Ferrol Ilustrado que opta a ser Patrimonio Mundial). Centrar os esforzos no que son os puntos fortes do municipio -que non son poucos- axudará, sen dúbida, a dar pulo a un sector que pode, e debe, contribuír a recuperar a nosa cidade.