Ludocracia

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Italia ven de tomar a decisión. O pasado mércores coñeceuse a prohibición polas autoridades transalpinas da publicidade das apostas, converténdose así no primeiro país europeo en facelo. A esta decisión levou a consideración de que a expansión nos últimos anos do negocio do xogo en liña superou límites que ameazan a saúde, a economía e a estabilidade social de moitas persoas. O vicepresidente Di Magio afirmou no anuncio «é unha industria que se fixo demasiado grande a costa da saúde e da dignidade da xente». A proliferación de anuncios das numerosas webs de apostas (unhas 37) en «prime time» ou durante eventos deportivos animando a apostar é asombrosa, incluso no país da Lotería Nacional, a ONCE, da Quiniela e as maquinas nos bares. Moitos deses anuncios presentan a coñecidas figuras deportivas, e todos van dirixidos a idades cada vez moi temperás; a escena tópica é un grupo de varóns vendo un partido, logo destaca a cara do apostador ao que lle cambiará a vida o resultado. O que os anuncios agachan é que os máis de 5.000 millóns facturados en 2017 levaron á ludopatía a moita xente. Persoas que gastaron o que tiñan, o prestado por familiares, por sistemas de crédito rápido ou roubaron. A idade media baixou dos 28 a 35 de hai dez anos á banda de 18 a 25 de hoxe, segundo a federación española de xogadores de azar rehabilitados. Súmese o patrocinio das casas de apostas a 15 dos 20 equipos da liga de fútbol española, e a crecente facturación por estes anuncios dos principais grupos de comunicación para albiscar a perigosa bola de neve que pode arrastrar tantas vidas privadas, tantas sociedades. Xogo sempre houbo, pero o de hoxe pide un freo. Congratulazioni, Italia!