Que máis da?


Pode ser a lóxica pregunta do cidadán da rúa sobre a importancia da existencia de máis ou menos seres vivos na Terra. Importa realmente unha herba, unha ra da fonte, un ser invisible do plancto, unha bacteria do solo, un cóndor dos Andes…? Dar respostas de si ou non, é unha demanda difícil para a Ciencia, obrigada a demostrar e validar as súas afirmacións. Mais o coñecemento acumulado apunta á comenencia de facer o posible por preservar a variedade de seres vivos. Non só o número de especies, tamén a súa variedade xenética, tamén os hábitats que ocupan, pois esas son as tres facetas da biodiversidade.

As razóns non son unicamente éticas e estéticas, que xa abondaría; hai ademais razóns de puro egoísmo humano: moitos dos remedios a doenzas humanas e animais son substancias presentes en organismos vivos. Dende a botica tradicional á farmacopea moderna, hai unha manchea de exemplos de medicamentos usados para salvagardar a saúde ou paliar o sufrimento. Moitos esforzos de investigación están dirixidos a entender a acción de moléculas presentes en organismos xa coñecidos, pero sabendo a estimación de que coñecemos non máis do 15% das especies terrestres e o 9% das mariñas, mal negocio facemos alterando os seus hábitats. Iso nos lembra a ONU cada 22 de maio, no día da biodiversidade. Podemos ser optimistas sobre este asunto? Hai máis sombras que luces, co ritmo de transformación da superficie da Terra e a alteración das augas oceánicas seguidos ata o presente. A polución, a perda de terras e o cambio do clima debilita ou fai desaparecer a moitos seres. No lado positivo, a acumulación de probas convence a máis xente de que na biodiversidade nos vai a vida. Si que da.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Que máis da?