Manuel Ángel

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito, empregaba este espazo para reivindicar o apoio das administracións, especialmente do Concello, ao deporte base e, de forma específica, falaba da desaparición do Canido de fútbol sala por falta de nenos e nenas. Pois á pena que mostrei entón pola agonía de clubes históricos de barrio por diversas causas -todas emendables-, súmase unha máis grande. A semana pasada falecía Manuel Ángel, Jiménez para moita xente.

Para quen non o coñecía, Manuel Ángel era o alma máter do Canido de fútbol e futsal, o incansable delegado de deportes dunha sociedade que, malia todo, segue sendo un referente social nun barrio que se nega a renunciar ás súas raíces.

Coñecino hai uns anos, cando o meu fillo entrou no equipo prebenxamín de fútbol sala e, desde entón, mantivemos unha relación cordial, que se estreitou o día que aceptei botar unha man a este modesto clube como delegada. O trato que tivo comigo e co meu fillo sempre foi excepcional e por iso lamentei moito cando esta tempada non se chegou a formar ningún equipo no seu querido Canido.

Unha das últimas veces que o vin foi precisamente no bar da sociedade, hai uns meses, e alí prometinlle axudalo a recuperar algún equipo. Hoxe esta promesa cobra un valor engadido e convértese nun reto que espero non sexa imposible materializar. Sobre todo porque eses valores do deporte base e dos clubes de barrio, iniciados por persoas como Jiménez, merecen continuar.

Manuel Ángel, un pracer ter compartido tarefas contigo e grazas por todo o traballo realizado a favor do deporte base de Canido durante tantos anos. Que a terra che sexa leve.