Bulos e propaganda

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

21 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que considerar os bulos como parte do sistema de propaganda. Os bulos son unhas mentiras agudas coa intención de destruir a imaxe do inimigo e máis provocar altercados e motíns. Un bulo de propaganda pura foi o invento da batalla de Clavijo ( na idade Media) . Victoria contra os mouros coa aportación do apóstolo Santiago e o seu cabalo branco. Nunca houbo tal batalla, pero o bulo funcionou. Un bulo mentira provocadora foi que os xesuitas envelenaban os caramelos para os cativos (II República). As carraxes anticlericais alimentábanse de bulos. Non eran o único alimento anticlerical, pero bulos así eran prácticos.

Hai bulos directos coma este dos caramelos, pero hainos indirectos e solapados como o de publicar o cartel con foto de Pablo Iglesias e Pedro Sánchez baixo o letreiro: os defensores dos criminais de nenos. Na propaganda vale todo. O insulto, o bulo, a asociación de ideas disparatadas... Como dicía o Dr. Goebbels (nazi) hai que repetir moitas veces unha mentira para convertila en verdade dogmática.

Non sei quen minte, fabrica bulos e insulta con más eficacia, se a dereita ou a esquerda. Todo depende da calidade das oficinas de propaganda. Aínda fica en moitas mentes o bulo da conspirtación socialista nos atentados de Madrid. Primeiro querían endosar o atentado a ETA, pero despois con urxencia fabricaron a teoría da conspiración. A creencia dos bulos depende do nivel do odio ao inimigo. Tamén hai bulos positivos coma milagres e aparicións. Dan esperanza.