Unha estatua menos, a de López e López

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Veñen de retirar a estatua que Barcelona erguera no seu día na honra de Don Antonio López e López, Marqués de Comillas. A historia da familia do Marqués ten tres patas: Cuba, Cataluña e Comillas, onde construíu a Universidade Pontificia e formou unha corte veraniega importante. O «hereu» da familia Güell casou cunha filla do I Marqués Lopez e López. A familia Güell é coñecida por moitos negocios pero polo que máis por ser mecenas de Gaudí. Teño que recoñecer valentía en Cataluña onde inventaron unha rota do esclavismo: Vai do monumento a Güell ao monumento a López e López. Hai quen prefire non borrar a historia do esclavismo, senón explicala. De momento o Concello retirou unha estatua: a de López e López, Marqués de Comillas. Non sei qué vai pasar coa estatua de J. Güell no cruce Gran Vía/Rambla Catalunya. Outras grandes familias con riquezas amasadas no esclavismo viven un sen vivir, xa que logo non é cómodo airear este pasado do noso capitalismo. Da plusvalía xerada polo esclavismo ninguén fala. Eu que son en case todo mal pensado lembro o refrán que di: «a moro muerto gran lanzada». E tamén penso mal porque a limpeza de estatuas comece por un López e López, deixando en paz apelidos como Güell, Mas, Xifré, Vidal-Quadras, Samà ou o do poeta da raza: Mosén Verdaguer, protexido por don Claudio López Bru, II Marqués de Comillas (Marqués que vai para beato, con varios milagres no seu haber, segundo nos contaba en Comillas o Padre Regatillo S, J.)