Os inventores da broma Tabarnia deben repasar o Quixote. A aventura da ínsula Barataria. Inventar países de broma. Escenificar a broma nun grande teatro de protocolos e liturxias pódenos levar lonxe e facernos pensar. Se Tabarnia segue co seu invento falando de federación de cidades do comercio e da industria abertas ao mundo e máis traen a un rústico de salario mínimo, un Sancho Panza con Facebook para gobernala, o príncipe destronado de Bruxelas xa pode ir buscando outro choio ou apuntarse ao paro. De cativo impresionoume a película O prisioneiro de Zenda. Despois busquei no mapa o país de Zenda e como me era difícil dar con el adiqueime eu mesmo a inventar paises e illas fabulosas. Os países que inventaba eran mellores que os de verdade. Sen sabelo eu andaba argallando utopías.
O Sancho Panza de Tabarnia terá un conselleiro asisado como Don Quixote. Pero non hai que poñerlle moitos máis conselleiros e asesores, porque daquela rematamos nos vicios da Generalitat e da Moncloa que agora non saben que facer con tanto Staf de cantamañás.
A Insula Barataria é unha broma, certo, pero vólvese en espello onde nos podemos mirar en todos os nosos inventos polìticos e relixiosos. Aí atedes as provincias, inventadas daquela maneira. ¿E agora que facemos coas provincias que son a causa de que con menos votos teñan outros máis escanos?
Os inventos valen se producen beneficios a alguén. Tabarnia leva camiño de se volver un negocio incalculable se dan cun Sancho Panza honrado.