Fío da memoria

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

Somos sociais. Animais sociais, ávidos da proximidade doutros que nos dean seguridade, confianza, ledicia, calquera dos bálsamos sandadores da existencia. A vida humana necesita de coidados ao seu principio e ao seu final, coidados materiais, coma alimentación e aseo; tamén coidados afectivos, para dar nenos e nenas felices, anciáns queridos. Si hai sorte, bo inicio, bo fin.

Mais non veñen agora á mente estas necesidades obvias, non sempre conseguidas na nosa sociedade, por desgraza. Estou a pensar máis ben na inspiración de persoas e personaxes na nosa forma de ser. Estamos influídos non so pola familia, as amizades, os sanitarios que nos atenden, o profesorado que nos instrúe, hai tamén outras figuras que nos poden marcar dende a nenez, deixando a súa pegada na nosa forma de ser. Poden ser xentes próximas, coñecidas, ou chegar ao través da literatura, do cine, da música, de calquera arte. Poden ser do noso tempo ou de épocas pretéritas, pero teñen en común a maxia de inspirar a nosa formación, o xeito noso de entender e desenvolvernos na vida. Marabíllame a persistencia e reflexión que pode dar unha frase oída por azar, lida nun texto, escoitada na letra dunha canción, quizás nunha escena cinematográfica ou teatral; sorprende como pode ficar prendida con infalible pegamento, nalgún recanto da memoria por descoñecidos procesos neuronales. Soen ser esas mensaxes as que acoden, recorrentes, nos derradeiros momentos da vida, cando semellan vir lembranzas da nenez, do que quedou por facer, ou do que non se debeu facer nunca. É o fío humano da memoria, enleado coma o ADN que o almacena, mesturando lembranzas atávicas e experiencias vitais propias e prestadas.