Francisco Yglesias, aquel pintor

SIRO LÓPEZ FERROL / LA VOZ

FERROL

SIRO

25 nov 2017 . Actualizado a las 01:05 h.

Se o pintor Francisco Yglesias seguise entre nós, hoxe, día 25 de novembro, cumpriría un século de vida. Desgraciadamente, a morte levouno en 1995, cando lle quedaba tanto por pintar. Son moitísimos os ferroláns que teñen nas paredes das súas casas algunha paisaxe de estilo impresionista, pintada ao óleo por Francisco Yglesias. Bastantes menos, pero moitos tamén, teñen algún retrato familiar pintado coa mesma técnica, de estilo realista, grandes dimensións e parecido extraordinario co modelo. O dominio do retrato era o que facía de Francisco Yglesias un pintor diferente, o preferido da burguesía ferrolana, encantadísima de posar para el, sabedora de que o pincel do artista era coma o bisturí do cirurxián plástico e os modelos sairían máis guapos. Conseguir a semellanza co modelo non poden facelo todos os pintores, por bos que sexan; conseguir a semellanza co modelo, guapeándoo, moitos menos. Paco Yglesias tiña ese don. Non era o único que me sorprendía nel. O primeiro que pensei o día que o coñecín, foi como aquel home, tan nervioso que falaba con voz tremelante e mostraba varios tics incontrolabeis, podía ter pulso para pintar retratos de liñas precisas e firmes. Pero pintábaos, sen axuda de fotos, a penas sen bosquexos. Chantaba o cabalete ante o cliente, ollábao botando a cabeza atrás, a un lado e outro; guiñaba os ollos, comprobaba, de cando en cando, unha medida co rabo do pincel e, en tres ou cuatro sesións, aí estaba cravado, cuspidiño. Non menos sorprendente era a súa cualidade humana. Paco Yglesias era boísima persoa, afectiva e xenerosa con todos. Eu teño con el unha débeda impagable. Paco foi quen, en 1969, por propia iniciativa, enviou a Borobó, director da revista Chan, que se facía en Madrid, fotocopias de varios debuxos de humor meus, protagonizados por nenos. A Borobó gustáronlle, pediume catro orixinais e no seguinte número publicounos nunha páxina, baixo a epígrafe Chan presenta un novo caricaturista: os nenos de Siro. Así, dun día para outro, pola amizade de Paco Yglesias, convertinme en humorista gráfico. Pasados moitos anos, Borobó chamáballe afillado e eu a el padriño, e diciamos ben; pero Paco foi para min un anxo custodio que ía por libre; ou un trasgo divertido e bondadoso que me quixo ben. Algo así. Xamais o olvidei e hoxe recórdoo especialmente.