Botar contas

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Se algo se aprende por forza na política municipal é a razón contable. Un concelleiro de cultura gasta máis tempo botando contas e máis explicándoas que disfrutando dos actos culturais. Pasoume a min e pasoulle a Nona Inés (algo temos falado destas miserias) A oposición chegou a pedir o modelo de marcos dunha expo de pintura. Unha parvada ridícula. Tampouco é para poñerse como Gonzalo Fernández de Córdoba, conquistador de Nápoles. O Rei Fernando o Católico pedíralle as contas dos gastos da conquista. El Gran Capitán contestou: «En picos y azadones mil millones...».

A razón contable do estado non era sensible á gloria militar do conquistador. E na corte había ciumes. Estes días a oposición anda remexendo nas contas das festas. Frustración por non estar gobernando. Ciumes. Outro que o pasou mal polas contas foi Hernán Cortés. E así até chegar ao noso presidente Rajoy que dixo no xulgado que non sabía de contas. Aznar na oposición pedía a contabilidade dos fondos reservados. Como funcionario de Facenda tiña días de vicio contable. Quería pouco menos que o recibo e o «IVE» dos sobornos aos topos que informaban de ETA.

As contas das cloacas do Estado. A verdadeira historia está nos libros de contas. «En reparar las campanas que no pararon de voltear celebrando las victorias del ejercito de su majestad...» Feliz Rajoy, «beatus ille». Un político puro a quen Deus puxo por riba dos libros de contabilidade. O noso PP ten dúas sensibilidades cruzadas. A graciosa é para o xefe.