Descrédito

Eva Martínez Montero TRIBUNA

FERROL

10 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando, hai agora un ano, o meu fillo Pablo díxome que fora elixido para acudir a un pleno infantil organizado polo Concello, pensei -ademais de que o interese pola política parece que se leva nos xenes- que se trataba dunha boa iniciativa. Dar a coñecer o traballo que realiza unha administración tan importante para a cidadanía como é a local e, ao tempo, permitir formar parte da mesma, aínda que fora por un día, a nenos e nenas nun momento de enorme descrédito cara a todo o que soa a política, pareceume positivo e tremendamente didáctico.

Unha oportunidade de ouro para, neste momento, poñer en valor a política e deixar claro ante as e os que serán futuros votantes que as promesas e os compromisos cúmprense.

Durante unhas horas, unha representación de nenos e nenas de sexto de Primaria ocuparon as cadeiras de brazos do salón de plenos e participaron activamente nunha sesión, onde alcalde e entón tenienta de alcalde, xunto con outros membros do equipo de goberno, respostaban a preguntas e peticións do alumnado.

Pasado un ano, o que quedou de todo iso é o descrédito. E é que resulta complicado explicarlle ao teu fillo que a súa petición, que cando menos ía ser «estudada», non o é porque non hai vontade política de facelo. Algo tan sinxelo como colocar unhas bancadas nun campo de fútbol, o de Aneiros (Serantes), para poder ver en condicións os partidos do Portuarios, parece que se converteu en misión imposible.

E resulta complicado explicarlle ao teu fillo que, existindo unhas bancadas «tiradas» dentro do recinto de FIMO -imaxino que as que se utilizaron durante moitos anos para ampliar aforamento nos laterais do pavillón da Malata-, ninguén do goberno local molestouse nun ano en visitar sequera o campo de fútbol para ver se é posible colocalas de forma provisional ou se deciden executar a intervención que realmente habería que facer -que, por certo, poderíase solicitar, por exemplo, á Deputación-.

Desde logo que fraco favor facémoslle á política se a aposta pola participación é esta, sobre todo se pretendemos incrementar a confianza nas institucións de quen será o futuro. Un futuro que precisa de homes e mulleres que crean na súa cidade, no seu país e nas súas xentes, e que saiban que os compromisos adquiridos deben cumprirse.

O que estamos a vivir non é, como se empecinan en cualificar, a nova política. Iso chámase pasotismo, incapacidade e/ou falta de xestión. E o que xera chámase descrédito.