EE. UU.

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

11 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Este pasado agosto cumprín corenta anos dunha viaxe á esa costa leste norteamericana que semella entreverse dende o Cabo Prior. Aló ao lonxe da outra beira atlántica, dende Rhode Island a Washington, un país enorme, e as veces grande, amosouse aos meus ollos de mozo. Visto a poucos meses da morte de Franco, nun intre de incerteza política en España, os EE.UU. vivían gozosos o bicentenario da súa independencia. Douscentos anos despois de 1776, tan so un ano antes rematara o pesadelo da guerra de Vietnam, onde morreran uns 58.000 dos seus fillos, e o ambiente cidadá percibíase tinguido de ansia por pasar páxina. Para o estudante en Santiago que eu era, a biblioteca da universidade de Rutgers pareceume catedral desexable, o oceanográfico de Woods Hole, un soño, e o atractivo caos do Manhattan pre Guliani, unha excepción nun país onde as cidades son burbullas de impulso da cultura e a creación dispersas nunha vasta xeografía dun territorio limitado por dous océanos, o frío Canada ao Norte e o cálido México ao Sur. Tres fusos horarios subliñan as distancias, e unha densidade de poboación dun terzo da española favorece un illamento cultural sorprendente nun país de inmigrantes e dificulta entender ao resto dun mundo, que semella caótico e alleo ás millóns de persoas. Como as que veñen de poñer a Trump na Casa Branca.

O pobo falou tras dunha campaña inédita pola súa dureza, queda agora lembrar que o espírito dos fundadores e o senso práctico do país sande feridas para atopar un camiño de reconciliación interna e convivencia externa. Nada doado e nada máis necesario para un mundo sobrado de conflitos bélicos e problemas ambientais. O reto dun novo soño americano para o século XXI.