Fala a tradición popular de dous «veraniños» cativos tras do verán, que dan en coincidir sobre os días nos que a igrexa católica lembra a dous santos seus, San Miguel o 29 de setembro, e San Martiño, o 11 de novembro. Así é que soe vir soleado por esas datas de días minguantes ainda que tecnicamente sexan dous anticiclóns, formados tras das quenturas do estío os responsables da escaseza de precipitacións chamada «bo tempo». Non o chamarían así a herba resecas, nin as fontes que enchen os encoros, moi baixos pola falla de choiva. Tampouco gustan de sol sen auga píntegas e sapos pero estes, ademais de irlles mal o quentamento global coma o resto dos anfibios, teñen na nosa terra unha inxusta mala sona, co seu calado -bo, os sapos non tanto!- labor de control de pequena bichería, pero ese é outro conto.
Nos últimos anos teño a impresión de que ambos anticiclóns veñen prolongados, coma si o arcanxo Miguel quixera atoparse co soldado Martiño, un dicir. A evidencia é a escaseza de chuvia entre os outubros e novembros últimos, veremos como vai este ano, igual se pon a chover a cachón. Mais a as bolboretas que voan na miña vella pereira parecen non querer saber nada de cambios, ou están a aproveitar as últimas oportunidades de procrear nesta prórroga incerta facendo seu, miñas pobres, o de «mentres dura, vida e dozura».
Por certo, dise de San Martiño que sendo garda imperial cortou a súa capa para abrigar a un pobre; unha visión esa noite levouno ao bautismo e a unha etapa de eremita, antes de rexer o bispado de Tours vintesete anos, nun período marcado pola protección aos necesitados. Necesitan os dous protagonistas do bipartidismo hispano senllos «sanmartiños»?