Salvados

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

Na mañá do pasado sábado 9 cumpría o rito mensual de contar cos meus compañeiros as aves migradoras que pasan polo Cabo Prior, nun día en que ceo, mar e terra semellaban acordes en remexelo todo. Dende as primeiras luces, os fortes refachos de vento batían as herbas costeiras e o mar de Prior, levándonos ao abrigo cos telescopios. Por diante das lentes pasaban moi poucas aves: grandes mascatos tentando non romper as ás, e trens de araos sobrevoando as grandes ondas. En troques do habitual de tráfico mariño, nas tres horas de observación, un único barco avistado cruzou lentamente rumbo Sur.

Foi entón cando apareceu o helicóptero de salvamento Helimer, voando entre torbóns para ir a algures. Fíxenlle unha foto entre nubes máis negras que grises e aí quedou a cousa. De volta na casa, quente e acolledora, lembrei as impresións da mañá no cabo, e colguei no meu muro unha das fotos da nave con este comentario «Con ventos de máis de 60 km/h e ondas de 6 m o mar é un lugar perigoso. Ver dende Cabo Prior ao helicóptero de salvamento voando sobre mascatos e araos obriga a pensar na seguridade que da contar con tripulantes ben adestrados cos medios necesarios. Ogallá que non os precisara ninguén hoxe!».

Non foi ese día, pero as poucas horas O Novo Jundiña, un pesqueiro duns 30 metros regresaba do Gran Sol con 11 tripulantes e a pesca na adega cando, a 50 millas da casa, afundiu. O final humano foi feliz, todos salvados, pero o impresionante relato (goo.gl/N3BI1F) evidencia que incluso mariñeiros e rescatadores ben equipados e formados precisan tamén de moita sorte nunha noite de mar bravo.