Ambiente, nin medio

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL

Cada convocatoria electoral é unha reválida sobre o interese no medio ambiente. Esa reválida suspéndese sistematicamente, e con mala nota. En contra do que se di de boca para fóra, o ambiente -ou medio ambiente, como se di nas nosas linguas, tan amantes de termos longos e opacos- non interesa aos representantes políticos, o que ven dicir que non interesa á cidadanía. Polo menos o necesario para unha calidade de vida razoablemente segura: Convivimos en cidades onde o tráfico torna a atmosfera tóxica; a maioría das rías reciben augas negras sen depurar mentres producen marisco non apto para consumo directo; os bucólicos campos e os mil ríos de Galicia reciben miles de toneladas de excrementos de granxas de gando, fertilizantes e herbicidas; a bolsa negra coa fracción orgánica do lixo urbano quéimase na incineradora de Sogama ou vai alimentar un vertedoiro que medra sen cesar. Poderíase seguir a lista do que ignoramos ou non queremos ver. Preguntados nunha televisión os partidos mellor situados sobre as súas seis principais prioridades, todos situaron o medio ambiente ao final, agás dous. Dirase que hai outros problemas -paro, corrupción, violencia...- que afogan, pero o goberno que saia o 20D debería tanto exercer unha mellor praxe política como promover prácticas ambientalmente responsables en eidos produtivos da agricultura, a pesca, o turismo ou a industria e nos da convivencia, como urbanismo e transporte. Máis de sete mil millóns de humanos temos o reto de entenderse na xestión da casa única na que, cada vez máis, todo se sabe. París nolo recordou.