Músicas urbanas

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Unha vez faleille ao noso músico Xan Viaño dunha música da cidade. Eu poñíame estupendo citando o vento das borrascas, o pito de Bazán, o canonazo, os buques bucinando na néboa... o chío das gaivotas... Pero o músico sorría con retranca mirando aos coches botando polos adoquíns, o ruido do tráfico... Non vía a Xan Viaño moi entusiasmado coa idea porque tiña in mente o estropicio en decibelios das radiais dunha obra, o taladro neumático rompendo o pavimento, o estrondo dunha pala abrindo zanxas... os cento e a nai de motores agresivos... Podían tamén estar no suposto poema sinfónico, para que o público liscara espantado- díxome. A música non é contaminante de seu, penso, pero o recunque infinito dunha panxoliña no centro comercial pode barrenar o cerebro como tortura sádica. O taladro neumátio fura a rúa e máis os tímpanos con igual brutalidade. Non é música celestial á da cidade. Os decibelios desatados de canto soa ou dan denteira ou nos deixan xordos directamente. Buscamos abeiro na cafetería, pero dentro dela atopamos unha luxuria de ruidos: O paroximos das máquinas tragaperras, a televisión a todo trapo, a cafeteira botando presión, o camareiro tocando a batería con pratiños e tazas... o falar dos clientes a berros... amén do momento excelso de moer café. Non pido musicas celestiais. Prometéronme telas abondo por toda a eternidade. ¿Pero é moito pedir músicas urbanas aguantables aquí, mentres peregrinamos? Xan Viaño, que estás nos ceos, bótanos unha man.