É un libro divertido e de moito éxito, que leva varias edicións. Os alumnos baixo presión dos exames calculan que mellor escribir algo que deixar en branco o papel. E non dubidan en xuntar palabras para ver se cola. Por se pillan ao profesor despistado. Os exames de relixión daban moito xogo. Hai que recoñecer que a teoloxía é máis cousa de misterio que de ciencia exacta. Pregunta: «Infalibilidade do Papa». Resposta: «O Papa é infalible antes do parto, no parto e despois do parto». Os alumnos poden perder facultades de orientación. Así nun exame de física onde se preguntaba polos «raios catódicos» a resposta foi: «Os raios catódicos son dous, Isabel e Fernando». «O río Miño pasa por Ourense e desemboca en Exipto». Podemos quitar conclusións de que algo falla no ensino. Os políticos presionados pola necesidade de falar, aínda que ninguén lles pida que falen, merecen unha antoloxía do disparate. Ao de «España é un país cheo de españois e polo tanto é un país grande...» ¿qué nota lle poñemos? Que Cervantes fose un xudeu converso catalán que escribiu o Quixote en catalán ¿é froito da perda de orientación? ¿Cómo cualificar? ¿E quen foi o xenio que deu traducido o Quixote ao castelán? Se sumamos dous disparates: o disparate escolar e máis o político, poida que teñamos como resultado «unha escola de tauromaquia». Blair, Aznar, Bush cometeron o disparate de ver armas de destrucción masiva en Irak. Mais penso que nunca se debe confundir disparate con crime.