Quen nos dera que a cabra da lexión, fora de Covas. Anda que non habiamos de explotar a veciñanza da cabra Pablito. Nin que dicir das consecuencias turísticas. Eu son moi de aldea e non dei comprendido os improperios que lle guindaron ao paisano Rey Varela, novo conselleiro da Xunta de Galicia. Eu sabía que Feijoo a min non me chamaba, nin tampouco a ningún amigo do Bloque nin do PSOE. Así que postos os pés na terra conformeime de que chamara a un veciño,con quen podo falar. E non é que non se poda falar cun de Vigo, pero eu alegreime de que o presidente (presidente elixido democráticamente. ¿Ou non?) chamara para conselleiro a un veciño
meu. Cando era cativo fixeron bispo a un crego coñecido, o párroco de Cacabelos, fillo do panadeiro de Dehesas, casado cunha leiteira de Carracedelo. Moita xente foi felicitar aos pais polo ascenso do fillo.
Dona Fina, a leiteira, díxolle a miña nai: «Ai, dona Pilar un bispo nestes tempos non é o de antes». Pero a xente alegrouse do nomeamento e ascenso dun paisano. Aínda que fose para bispo auxiliar de non sei qué diócese. Daquela nomearon tamén procurador en Cortes ao camarada Mato, profesor de matemáticas do Instituto. Conseguiu o ancheamento da ponte de San Pedro (por onde pasaba a Nacional VI e o propio Franco camiño do Pazo de Meirás) e máis o Hospital do Bierzo.
¿Por que non alegrarse do nomeamento de Rey Varela? Os seus éxitos serán éxitos de todos nós. E se non vai polo rego, tempo hai de fondealo no medio da ría.