Universidade saudable

Araceli Torres DENDE O CAMPUS

FERROL

O vindeiro mércores 7 de outubro, as Universidades adscritas á Red Española de Universidades Saludables celebran por primeira vez de maneira conxunta o «Día das Universidades Saudables». É probable que moitos de vostedes non oísen falar desta rede. Pois xa que teño o privilexio de contar con esta canle de comunicación, vou dedicar a miña columna de hoxe a falar diso.

A Red Española de Universidades Saludables foi constituída o ano 2008 e está formada por máis de 35 Universidades, a Conferencia de Reitores, os Ministerios de Educación e Sanidade e 9 estruturas de Saúde Pública de Comunidades Autónomas. O seu obxectivo principal é a incorporación da promoción da saúde no espazo universitario, impulsando a investigación e a docencia neste ámbito, fomentando a oferta de servizos e actividades dirixidos a promoción da saúde e promovendo o traballo conxunto entre as universidades, os organismos de saúde pública e as institucións comunitarias. Non se trata só de poñer os medios que conduzan á educación para a saúde e a promoción da saúde das mulleres e os homes, senón que tamén comporta integrar a saúde e o benestar na cultura universitaria, no sistema universitario global e na sociedade.

A UDC ten recollidos estes obxectivos no seu plan estratéxico, dentro da área de responsabilidade social. Por iso, no mes de novembro do pasado ano solicitamos a adscrición á Red Española de Universidades Saludables da que a día de hoxe formamos parte de pleno dereito. Xa viñamos traballando para facer os nosos campus máis saudables, máis sostibles e máis solidarios pero agora desde o Campus UDC=Universidade Saudable, resulta máis doado desenvolver proxectos comúns nas liñas estratéxicas da rede.

Ao longo da próxima semana, como farán o resto das universidades, imos desenvolver un amplo programa de actividades de promoción da saúde, relacionadas co deporte, o medio ambiente e a nutrición entre outras, que poden ser consultadas na páxina web da Universidade da Coruña. Agardamos que teñan unha boa acollida por parte da comunidade universitaria e de todas as persoas que nos queiran acompañar.