Este verán, estes veráns, a migración máis coñecida é humana e está no Mediterráneo. Trátase dun drama humano, unha migración para saltar dende territorios castigados pola pobreza, guerras, ou a intolerancia, ao idealizado paraíso europeo. Este cruce no mesmo mar de viaxes desesperados en chatarras e cruceiros con todo incluído, debería facer reflexionar e reaccionar ante esta infamia a gobernos e gobernados europeos.
Con ese fondo en mente, invítase hoxe dende esta columna a considerar a nosa influencia noutra migración, a protagonizada por aves de todos tamaños, dende paxariños de poucos gramos ás maxestosas cegoñas, aproveitando que o sábado vindeiro está dedicado pola ONU ao Día Mundial das Aves Migratorias. Pensarase, as veces non sin razón, que estas propostas son brindes ao sol sen maior transcendencia.
Porén ademais de ser un fenómeno fascinante do que gostan observar millóns de persoas, as aves cumpren un papel impagable no balance do planeta, por exemplo controlando pragas en áreas de ambos hemisferios separadas miles de quilómetros.
Este ano o día está focalizado nas barreiras que para as migratorias supoñen certas formas de obtención de electricidade e o seu transporte. Liñas eléctricas e aeroxeneradores matan milleiros de individuos cada ano, e hai solucións para diminuír o problema polas que non sempre optan as explotadoras. Un reto máis para eléctricas e consumidores