As Fragas

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

27 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Millóns de anos para formarse, antigos movementos xeolóxicos, cambios climáticos, a aparición e extinción de seres vivos e a acción humana foron conformando o tesouro das Fragas do Eume, o máis extenso dos últimos bosques caducifolios atlánticos, embelecido coa fermosa xoia do Mosteiro de Caaveiro. O seu valor ambiental levou á Xunta de Galicia en 1996 á declaración de parte do seu territorio como Parque Natural, figura de protección so inferior a Parque Nacional. Esta iniciativa para a conservación dos seus valores foi tomada, por desdicha, coma seguindo un manual de «erros a evitar» na xestión de lugares protexidos. Non contar nin cos propietarios afectados nin cos alcaldes dos concellos e publicar a decisión en pleno agosto, desatou unha grave contestación social. O sentidiño e o tempo foron mudando para ben a actitude dos propietarios; non así a xestión da Administración. Baste dicir que todo parque ten que contar cun Plan de Usos e Xestión, revisado cada cinco anos; pois ben o borrador do das Fragas foi sometido a alegacións públicas neste mes de 2015, uns 18 anos despois da declaración de parque. Iso si, con 30 días de prazo, para recuperar o tempo perdido...

Dezaoito anos de incerteza para propietarios, concellos e os técnicos xestores das Fragas. O documento ten deficiencias e omisións importantes, indicio quizais do desinterese que suscita a conservación dos nosos tesouros naturais nos responsables políticos do medio ambiente galego. Os despropósitos vividos ata hoxe reclaman un viraxe en redondo para garantir a conservación e divulgación do máis visitado dos parque naturais galegos.