Sindo

POR SIRO

FERROL

SIRO

10 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Gustaríame presentarlles o meu amigo Sindo. Sorprenderíaos este home de 92 anos coa vitalidade dos setenta e a cabeza dos trinta; tan pulcro, que a calquera hora parece saído da ducha e coa roupa aínda quente da plancha. Sorprenderíaos o ben que fala e o ben que escoita, e, sobre todo, a prodixiosa memoria na que, sen esforzo, encontra os nomes, datos e datas da súa vida longa e azarosa. Porque se calquera vida, ben contada, daría unha boa novela, a de Sindo Seixido sería un best-seller.

Naceu en 1922 na parroquia de Limodre, concello de Fene, de pai mariñeiro e nai labrega. Foi o maior de seis irmáns e, cando no prazo dun ano quedaron orfos, el, con 18, responsabilizouse da economía familiar, na casa dos avós. Podía facelo porque Sindo, que noutras circunstancias sería un extraordinario enxeñeiro industrial, tiña unha estraña habilidade para os traballos de mecánica. De adolescente arranxara o muíño fariñeiro da Graña e puxérao a funcionar, e no «Varadeiro do Coxo» fixera toda clase de labores. Agora, a comezos da postguerra, era o oficial máis capacitado na empresa de reparacións que Fernando Barros, técnico da Maestranza, tiña na rúa do Sol. Empezara facendo diminutos pasadores e parafusos para máquinas de escribir nun pequeno torno horizontal, movido a pedais, que el mesmo instalara; pero nos sete anos que pasou naquel taller fixérase un profesional moi competente.

Aos 26 entrou en Astano de oficial torneiro, coa máxima categoría, e dous meses despois era o segundo encargado do novo Taller de Ferramentas. Entre as mostras de intuición creativa que Sindo deu, quizais a máis extraordinaria fose a fabricación de brocas de 4 milímetros -inexistentes en España- con agullas de coser. O futuro era prometedor e, sen embargo, aí empezou a gran aventura deste home pequeno e feble en aparencia, pero de vontade invencible.

O fuxido Juan Pérez Dopico, veciño e amigo de Sindo dende nenos, organizara «a guerrilla» na outra banda, e recurría a el cando necesitaba algo. En 1948 medio cento de guerrilleiros de toda Galicia reuníronse nas Fragas do Eume para tratar da disolución e da fuxida a Francia, pero un deles, con problemas de saúde mental, arredouse do grupo, perdeuse no monte, e acabou morto pola garda civil. Os disparos déranlle na cara e quedou irrecoñecible; as autoridades, pensando que podería ser Pérez Dopico, levaron a irmá, a sobriña e unha veciña a identificalo. Non o conseguiron, pero dixeron que tal vez Sindo podería facelo. Cando Sindo soubo que a garda civil o buscaba, pensou que descubriran os servizos prestados á «guerrilla», e botouse ao monte. Dous días pasou cos «escapados»; despois colleu o tren en Coruña e chegou a Port Bou, en Girona, onde, con noite pecha, iniciou unha travesía titánica de 21 quilómetros, en piragua, ata Francia. Os xendarmes non o creron ata que viron a embarcación.

Cabo dun par de meses marchou á Habana, e coa axuda dun emigrante de Limodre, amigo do pai, mercou un pequeno taller mecánico, no que inventou máquinas para extraer o zume da cana de azucre, cortar cubiños de xeo, e fabricar clips e grapas. Traballaba para comerciantes importantes, e un deles, Ramón Pueyo, propúxolle asociarse e crear unha gran empresa. Creárona e traballou con rendabilidade ata que, en 1962, foi nacionalizada, e Sindo, despois dunha entrevista persoal co Che, pasou a ser director de Mantemento no Ministerio de Industria.

Ao xubilarse, en 1990, empezou a pasar longas tempadas en Limodre e a escribir. Edicións do Castro publicoulle a narración A gloria é un afiador, á que seguiría unha triloxía de novelas, que non puido rematar porque a maculite senil deixouno con moi pouca visión. Non obstante, Sindo le -en realidade oe- douscentos libros ao ano, da gran biblioteca que a ONCE ten para os afiliados. Cando non «le», escoita a radio, e non coñezo a ninguén máis enterado ca el de canto pasa no mundo.

siro@siroartista.com