Embarazo adolescente

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL

Hoxe é o día proposto por Nacións Unidas para reflexionar sobre o Día da Poboación Mundial, unha desas citas anuais no calendario da ONU sobre temas globais. Este ano dedícase ao embarazo nas adolescentes, un problema de moito calado, pois soe supor un perigo para a saúde de nais e bebés e unha lousa para o seu futuro ao marxinar ás nais-nenas da educación e o respecto a dereitos básicos.

Pero o problema vai por zonas: na maioría dos países chamados «menos desenvoltos», a puberdade equivale a matrimonio ou risco de abusos sexuais para as nenas. A web www.unfpa.org/public/world-population-day/ di que case unha de cinco rapazas están casadas aos 18 anos, e o 90 % dos embarazos adolescentes danse no matrimonio, sendo asumido socialmente, o que dificulta a súa solución.

En troques nos «países desenvoltos» tan só unha minoría das nais adolescentes están casadas ou conviven co pai, e vencéllase a unha certa marxinalidade. En todo caso achegarse á proposta da ONU dunha natalidade «por elección, non por azar» parece máis doado en países democráticos que naqueles onde pesan tradicións e crenzas que admiten nenez e matrimonio.

E en España? Nun país onde a demografía sería tema de portada de non llo disputar a corrupción e o paro, pode parecer banal, pero escasea a maternidade responsablemente decidida por mulleres, non nenas. E a crise dificulta o acceso ao control da natalidade e favorece a idealización da maternidade por nenas desfavorecidas. Unha alarma para apostar polas familias.