Luciano Castro

POR SIRO

FERROL

SIRO

18 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Bello Piñeiro falaba, no ano 1946, dos pintores ferroláns e dicía de Luciano Castro que «el arte de este pintor representa la tendencia más avanzada como gusto artístico que hoy se puede apreciar en el arte ferrolano», estaba a recoñecer que a pintura da «escola ferrolá» pertencía, por estilo e por técnica, ao impresionismo, sen que ningún pintor -nin sequera el mesmo- tivese en conta os movementos artísticos posteriores. Nin Cezanne, nin Van Gogh, nin Gauguin exerceran a menor influencia nos artistas ferroláns, de aí a grata sorpresa de Bello Piñeiro cando descubriu na obra do xove Luciano Castro a lección, ben aprendida, de todos eles.

Luciano, nado en 1904, era o cuarto fillo dos nove que tiveran Antonio e Rosa, veciños de Liñares, parroquia de Neda. O pai emigrara a Cuba con once anos, pero tiña saudades da terra e era mozo cumprido cando veu a Liñares, coñeceu a Rosa, namoraron, casaron, encargaron un neno e, sen chegar a coñecelo, volveu a Cuba. Dende entón foi e veu, e en cada viaxe medrou a familia, ata que volveu para quedar e montar unha tenda de ultramariños e unha gran pista de baile, á que acudían mozos e mozas de toda a redonda, incluídos os de Ferrol.

Tamén Luciano quixo ir a Cuba, e foi, con quince anos; pero aos dezasete marchou aos Estados Unidos, disposto a estudiar Belas Artes. Fíxoo en San Francisco, nunha prestixiosa academia onde adquiriu sólida formación. Leyra Domínguez descubriuno en Madrid, nos Salóns de Outono dos anos 1934 e 1935, cando G. Janet, director da parisina Revue Moderne illustré e des Artes e de la Vie eloxiaba a forza do seu debuxo, o equilibrio das composicións e a harmonía da cor. Cincoenta anos despois, no discurso de ingreso na Real Academia Gallega de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario, Leyra Domínguez calificaríao de pintor vangardista», sen estridencias.

Ao tempo que Leyra descubría a arte de Luciano en Madrid, Bello Piñeiro facíao en Ferrol, ao organizar, en 1935, o II Certamen del Trabajo, no que o pintor de Neda participou con varios lenzos que o impresionaron e conmoveron. Era o gran momento de Luciano Castro, que, con trinta anos, estaba disposto a triunfar no mundo da arte, e ía polo bo camiño. O 18 de xullo de 1936 viaxaba en tren a París para asistir á inauguración dunha mostra colectiva, na que admitiran dous cadros seus, pero o Alzamento, co comezo da Guerra Civil, impediu que o tren pasase a fronteira, e Luciano volveu a Liñares. Aquel día a súa vida cambiou. Casou con Lucita Hérez, muller culta, profesora de francés e excelente pianista. Entrou a traballar como administrativo en Bazán e, aínda que seguiu pintando, o triunfo deixou de ser unha meta para el. Home tímido e introvertido -igual que a muller-, entrou nun proceso de feroz autocrítica, no que destruiu moito do que facía; non volveu a expoñer e, cando enviuvou en 1967 e sufriu unha operación de cataratas que o deixou medio cego, non fixo máis que pequenos autorretratos.

Un deses autorretratos, verdadeiramente espléndido, tíñao o pintor ferrolán Carlos Merino, que coincidiu con el en Bazán. Luciano viu en Merino o artista dotado, capaz de facer o que quixera, e converteuse no seu mestre para aprenderlle unha única lección, a máis importante: que é a arte.

E Carlos aprendeuna. Non vin debuxar e pintar a ninguén con tanta facilidade e con tanto talento coma el. En cada lenzo de Merino estaba a lección de Luciano Castro, e cada cadro era unha auténtica obra de arte.

Os pintores Manolo Ruibal, Rafael Úbeda, Antonio Tenreiro e Lago Rivera descubriron nel un artista excepcional, e o crítico Miguel González Garcés recoñeceume pouco antes de morrer que tanto o impresionara a obra de Merino, que non se atrevera a comentala.

Como Luciano Castro, tamén Carlos Merino renunciou a triunfar, e, algún día un xornalista da Voz preguntará se os recorda alguén.

siro@siroartista.com