Mentres vivín en Ferrol gustábame percorrer nas mañás de domingo os concellos da outra banda, e aínda hoxe, cando veño a Ferrol sobrado de tempo, achégome ao peirao de Maniños para gozar da marabillosa vista de Caranza, que dende alí si é un pequeno Manhattan. Quería percorrer de novo a outra banda e pedín axuda ao meu amigo Guillermo Fraga, que, por nacer en Franza e vivir en Maniños, Limodre, Ares e Seselle, sabe daquela beira da ría o que esqueceu o demo.
Saímos de Ares, e, ao chegarmos á xunqueira do humedal, Guillermo contoume que no verán se enche de parrulos, que os turistas alimentan con pan; pero as ratas bótanse a eles e quítanlles os ollos para que non vexan a comida e devoralos cando morren. Perto de Redes pregunteille por que moitas casas -non só as grandes dos indianos- teñen tan bonita decoración nas fachadas, e explicoume que as construíran albaneis portugueses, que traían moldes para facer adovíos modernistas. Algúns ficaron con nós, e os netos levan aínda os alias de o portugués ou a portuguesa.
Guillermo entoa unha cantiga que lle aprendera a nai, sendo neno:
Para misas, viva Franza;
para festas, Barallobre;
para alegría, Maniños;
para tristeza, Limodre.
A Maniños chegamos para ver no lugar de Outeiro a chamada Casa da Troya. Porque é verdade que a parroquia de Maniños está moi presente na popularísima novela de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya. O autor era amigo dos propietarios, o coronel de Artillería Antonio Garcia Naya, e a súa dona, Magdalena Leira Roquer, neta dun industrial catalán que viñera montar unha fábrica de curtidos. Dela tomou Lugín o apelido de Gerardo Roquer, protagonista da novela. Ademais describiu a paisaxe da parroquia e o pazo dos Montenegro -hoxe en ruínas-; e todo eso leva a pensar a Guillermo, e supoño que a moitos veciños de Maniños, que naquela mansión se escribiu La casa de la Troya.
E chegamos á Casa da maleta ou Casa do Adriano, en Barallobre, que eu recordaba como algo fermosamente hortera, pero estaba trabucado; porque se a escultura do emigrante coa maleta no alto da torre é de gusto discutible, no conxunto do inmoble, tan estraño, tan ecléctico, todo el, é un elemento máis, que a min me resulta conmovedor. O propietario, Antonio Fernández Fernández, coñecido como O Adriano, emigrara a Cuba con 16 anos, e levou na retina a imaxe da ría, que nunca esqueceu. Cando volveu rico, fixo unha casa ao estilo colonial, cun fermoso miradoiro en cada andar, para fartarse de ver o anaco de mar polo que sempre suspirara. A maleta véxoa como mostra de humildade. A imaxe contraria das leontinas e dentes de ouro que outros indianos lucían con fachenda.
Pasamos tamén por San Victorio, en Franza, onde actuaban as famosas marionetas de Barriga Verde, que nunca a Ferrol viñeron; e vimos moitas cousas máis, que comentarei no próximo artigo; pero rematamos nun espazo insólito, no marco que separa os concellos de Cabanas e Fene: un lugar que hai tempo era de culto contra as meigas e que hoxe resulta inintelixible, porque, ademais de flores, cirios e moedas, hai quen pon prendas tan íntimas como bragas e suxetadores.
Coa crise escasean as moedas, pero, hai anos, o entrañable Siso collía as xustas -nin unha máis- cando quería tomar un cafeliño no Ardá, en Limodre, mentres vía botar a partida a outros clientes.
siro@siroartista.com