Pan Piana

POR SIRO FERROL

FERROL

SIRO

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Digo «Pan Piana» e véxome aos cinco anos, coa cartilla na man, facendo cola na rúa san Carlos para recoller o pan da ración. Tamén escoito as voces do Zafiros cantando: Pan Piana, Pan Piana/ agradable al paladar./ Pan Piana, nutritivo./ Pan Piana, sin igual. Entre un e outro recordo hai doce anos, os que pasaron des que un pequeno forno do barrio de Esteiro se converteu nunha gran panificadora, pola xestión empresarial de Ramón Sánchez Dopico, casado dende o 1942 con Carmiña, unha das fillas de Piana, viúva de Rey.

Sánchez Dopico nacera en Brooklyn, no ano 1922, nun fogar de emigrantes chegados de Ferrolterra. Os pais, Ramón e Ánxela, tiñan un negocio de hostelería, que lles fora ben, pero cando no 1928 decidiron volver a Galicia deixaron os aforros nos bancos de New York, e na «Gran Depresión» americana do 1929, perderon todo. Empezaron de novo en Freixeiro, coa «tenda da señora Ánxela», que era bazar, ultramariños, bodegón e estanco.

Ramón estudiou Maxisterio e deu clases na Academia Cervantes, da que chegou a ser co-director e co-propietario, e conseguiu algo tan estrañamente difícil como que moitos dos seus alumnos amasen as matemáticas.

No 1954 deixou o ensino. Saíra á venda o forno da sogra, e Ramón adquiriuno. Con ideas anovadoras, trocou o que era unha tafona con dous pequenos fornos de leña, nunha panificadora moderna, na que foi prioritaria a hixiene na elaboración do pan, e con fortes inversións en combustión e redución de gases. Pero conservou o persoal, e con Matilde e Isabel Benasach na administración, e Geluco como responsable técnico, en pouco tempo Pan Piana tivo vinte sucursais en Ferrol, doce na Coruña e outras tantas en Compostela. Foi o comezo dun gran labor empresarial, porque Ramón Sánchez Dopico pasou a ser concesionario de leite Leyma, de Pescanova e de Citröen, ademais de crear o Almacén de Piensos Sánchez Dopico, Lácteos Piana, Estuchadora Atlántica, Patatas fritas Piana, e ser co-propietario do aparcamento da Praza de Armas. Eso e os cargos en distintas institucións, fixo necesario que entrasen na empresa os fillos Ramón, licenciado en Económicas, e Antonio, en Dereito.

A crise económica dos anos 1974 a 1982 obrigaba a facer unha dura reestructuración na empresa, que Sánchez Dopico, que sentía a empresa como unha familia e fixera propios os problemas dos traballadores, non podía aceptar. Por eso tampouco entendeu a actuación violenta dos piquetes durante as folgas que se produciron neses anos, cando unha noite cortaron máis de douscentos neumáticos dos coches de distribución, e outra, en Santiago, chegaron a disparar contra os portalóns, nunha empresa que nunca tivera un conflito laboral.

Por se os recordos de infancia e mocidade non fosen abondo para sentir os avatares de Pan Piana, teño unha vivenza persoal que, non por disparatada, deixa de achegarme á familia Sánchez Dopico. Home de confianza deles foi o meu amigo Pepe Díaz, persoa entrañable, que, cando as cousas empezaban a ir mal, veume ver con Ramón Sánchez fillo, para ofrecerme non sei se a xerencia ou a dirección da empresa en Compostela. Pasmei ante a proposta, pero como non sei dar un «non» rotundo a un amigo, fun ver con eles as espléndidas instalacións, e quedei en pensalo. Ramón, home intelixente e asisado, decatouse de que a oferta era tolería e todo quedou en nada. Se chegan a disparar ás portas estando eu na empresa, morro co disgusto.

siro@siroartista.com