PISA para Ferroltera

Xoán Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL

Estes días acudiron a portadas e análises os últimos resultados das avaliacións PISA sobre o sistema na OCDE educativo obrigatorio en tres áreas de coñecemento, linguaxe, ciencias e matemáticas. Seguro que xa lerían valoracións sobre o mediocre resultado de España e o desigual logro das súas comunidades autónomas . Saen en xeral as do norte mellor posicionadas e, nesta ocasión, Galicia logrou situarse en competencia lectora tres puntos por riba da media da OCDE e once sobre a media española, progreso que atribúen os responsables autonómicos do ensino ao esforzo realizado en bibliotecas escolares e en programas de lectura. Tamén foron en ciencias máis alentadores os resultados, pese ao castigo sufrido nas sucesivas leis educativas. Así lembra a Consellería terse acadado «512 puntos, 11 máis cá media da OCDE, 16 máis ca media nacional e 6 máis ca o resultado galego no informe PISA 2009». A matemática é a competencia que aínda queda en Galicia por baixo da media, pero como se reflexionaba neste xornal o xoves, nesta e nas demais áreas hai un labor por diante para orientar os saberes do alumnado, que os teñen, e mellorar a súa capacidade de aplicar á realidade os seus coñecementos. Algo así precisariamos para o resto da sociedade en España e Ferrolterra en particular: a avaliación precisa para saber ben as nosas debilidades e fortalezas e saír adiante facendo as cousas mellor.