Gómez Noya

POR SIRO

FERROL

22 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando lles concederon o premio Príncipe de Asturias do Deporte a Casillas e a Chavi por apagar o lume que Mouriño alcendera meténdolle o dedo nun ollo a Tito, non recordaba parvada semellante des que suecos e alemáns concederan o Nobel da Paz e o Carlomagono a Henry Kissinger, por pacificador. Que Casillas e Chavi son dous excelentes profesionais ninguén o nega; que chamarse por teléfono para dicir «temos que amañar esto» sexa mérito abondo para obter o Príncipe de Asturias, demostra que onde entra a política todo se bota a perder, sexa unha caixa de aforros, un tribunal de xustiza, ou un premio deportivo.

Hai outros deportistas que, por calidade, por éxitos internacionais e, sobre todo, por triunfar enfrontándose á adversidade, merecen o Príncipe de Asturias; un deles, o ferrolán Javier Gómez Noya.

O noso atleta é o fillo pequeno de Javier, da Cabana, e de Manuela, da Graña, que se coñeceran de rapaces e se reencontraron na emigración en Suíza, onde pasaron dezaseis anos. Javier naceu en Basilea, no 1983, porque os pais quixeran que o primeiro fillo, Rafael -hoxe enxeñeiro aeronáutico en CASA-, nacera en Ferrol, pero a experiencia non fora moi boa. Pode que o físico portentoso que fixo de Javier Gómez Noya un triple campeón do mundo de triatlón veña daquel devanceiro, por parte de pai, que foi Grandal, o forzudo de Serantes; pero tamén influiría o leite materno, que mamou durante meses, porque os suízos estaban tan certos dos beneficios da forma natural de lactancia, que non só a recomendaban, senón que a premiaban con 500 francos mensuais.

Aos tres meses de nacer Javier, a familia Gómez Noya volveu á Cabana, puxeron na rúa Galiano o café Rialto, e o neno, que non paraba de correr e brincar, empezou a facer deporte. Con José Rioseco aprendeu a moverse na auga como un peixe; co pai facía os domingos bicicleta de montaña por Brión; cos amigos corría todo o día na praia de Doniños; así que cando, aos quince anos, soubo que uns bombeiros de Ferrol practicaban o deporte chamado triatlón, foi con eles a unha proba en Castropol, na que, sen ningunha experiencia, quedou ben clasificado; e aquela mesma tarde chegou a Ares, co tempo xusto, para participar na travesía da ría, e gañala.

Aos quince anos os cardiólogos do Consello Superior de Deportes descubriron que tiña o corazón tan grande como o dun home de dous metros e cento dez quilos. Negáronlle a licencia para competir, e a familia, despois de consultar a prestixiosos especialistas británicos e estadounidenses, que non viron ningún perigo para el na práctica deportiva, acordou que o fixese con equipos estranxeiros. A Federación Galega apoiouno, pero Javier non puido ser campeón do mundo junior porque non lle deixaron representar a España; e a Federación Española de Triatlón tentou, por todos os medios, impedir que participase en calquera evento deportivo. Foi unha persecución asañada e absurda, que durou ata o 2005, cando os éxitos internacionais do ferrolán obrigaron aos burócratas a renderse.

Non só nos despachos se xoga suxo, tamén hai deportistas que agarran e golpean ao rival, cando nadan e corren; pero Javier xamáis devolve o golpe, nin o agarrón, porque vive o deporte de verdade. Todas estas cousas deberían contar na concesión do Príncipe de Asturias, pero xa se verá.

siro@siroartista.com