Ferroláns coñecidos no exercicio da súa profesión, na miña infancia había moitos, mesmo en oficios humildes. Como Toñito o zapateiro xorobetas que fixo unha casa nun arco da antiga fonte do túnel, na costa de Mella. Toñito, home de bo humor, tocaba o violín na chepa e cando remataba dicía moi serio: -¡Sarasate!
A peculiaridade das súas profesións facía que todo Ferrol coñecese a Pepe Ferreira, o crupier do Casino; a Juanito Patrón, ordenanza na Cociña Económica; aos acomodadores de cine Labrada, Agapito, Mariano, Gorila? Os rapaces identificabamos de lonxe os gardas municipais polos seus motes: Fanacas, Farrapo, Naranguitas, o Peloureiro, Velo Velo, o Rubio, o Manchado, o Manco, Callitos? E tamén os dous gardas do Parque Municipal: Mádelman, o de uniforme; e o outro, o pequeniño de paisano, Pulgarcito ou Pulga. Para os alumnos do Tirso ningún taberneiro máis familiar que Ramiro, o do bar fronte o colexio, de quen dicían que lle pedías un bocadillo de sardiñas ou de anchovas, e collíaas co palillo que levaba entre na boca.
Moi querido foi Ginzos, o sereo cego da Praza de España, gran amigo de Germán, o da Esmeralda. Máis dunha vez, á volta dun remonteo, Germán descalzouse para esquivalo. Labor inútil porque cando chegaba ao portal nas puntiñas dos pés, oíase a voz de Ginzos dicíndolle: -¡German, que tallada levas!
¿Quen non recorda a Perrachuca, o entrañable limpabotas e vendedor de lotería, sempre de bo humor, sempre buscando honradamente a peseta; mesmo nas tómbolas, onde presentaba a cara, a través dun furado nunha pantalla, para que lle tirasen pelotas de trapo molladas en auga? ¿E a Mona, vendedor de lotería e de condóns, que levaba nunha carteira de coiro? Dicía moi serio: -Si falla, voy de padrino.
¿Como non recordar a Chente, o animador da tómbola que se poñía no Cantón, no paseo, á altura do comercio das Fabalas? Estouno vendo: boa planta, traxe de corte impecable, e na cara un bigote fino e o sorriso permanente. Co micrófono na man, no estreito corredor da tómbola, non o superaba Frank Sinatra no escenario do Caesars Palace de As Vegas. Cando moitos anos despois vin na TVE a Kiko Legard no Un, dos, tres; responda otra vez pensei que era como Chente, con máis medios. Tamén Chente ofrecía ao afortunado cun sobre sorpresa os trocos máis tentadores: -¡Se lo cambio por el juego de ollas y además le doy la cafetera exprés y la botella de ponche! E mentres o do sobre dubidaba, suaba, e se aconsellaba con parentes e amigos, a xente, engaiolada pola leria do locutor, ía formando un grupo cada vez máis nutrido. O número forte era o sorteo do caixón sorpresa que se facía ás doce da noite ante un público numerosísimo, que aplaudía, ilusionado, cando tocaba un xamón. A muller e a filla non daban feito a vender boletos e, ao remate, cando Chente agradecía a participación e se despedía ata o día seguinte, o chan aparecía moteado con incontabeis papeliños numerados.
Lorente, o mago, contou que Chente hospedara a un viaxante de comercio que marchara sen pagarlle e deixara unha maleta de carretes e bobinas de fíos de cores. Como era mercancía que escaseaba, a Chente e a Ramón Romero -ata entón empregado na ferretería Romero Hermanos- ocorréuselles rifalos, e foi tal o éxito que Chente se adicou á tómbola, e Romero converteuse en empresario de atraccións de feira.
siro@siroartista.com