Repito titular de hai case un ano, pero co interrogante final que debemos e podemos respostar entre todos. Cal é problema? Ata hai pouco faltou a visión de que os areais das praias teñen algo máis que area onde poñer a toalla, botar a pachanga ou deixar correr os cans en liberdade. A praia é de todos dise, incluso por quen a atravesa coa moto ou quad tatuando as dunas ao seu xeito. Para non falar do espolio que levou durante décadas o xabre a miles de construcións da bisbarra.
Incluso as administracións públicas esqueceron clamorosamente a obriga de custodia dos valores naturais da costa ata que, hai ano e pico, se elaboraron os primeiros plans de protección de dúas especies ameazadas veciñas das praias e humidais galegos, a Píllara das dunas e a Escribenta das canaveiras.
A primeira delas é a que ven de levantar unha polémica de doada solución: trátase dunha pequena ave que aniña entre o cascallo da ribeira, pasando tan desapercibida para os humanos que as ameazas principais son os tractores de limpeza das praias seguidos dos cans ceibos. Unha necesaria coordinación entre administración autonómica e local debería poñer punto a un falso conflito, aclarando as medidas necesarias no período de cría. O mesmo que ninguén iría por carril contrario, tampouco deberiamos pretender facer actividades que afectan a quen non pode defenderse. Praia si, pero non para todo