Lobo Montero

POR SIRO

FERROL

siro

Cando o coronel Lobo Montero tomou, no 1954, o mando do Reximento de Artillería de Ferrol, o personal civil do Parque formábano quince persoas; cando cesou no cargo, había perto de cincoenta. Antes de deixar o destino foi a Madrid e conseguiu que todos quedasen adjuntos al Regimiento. Tantos eran os favores que facía, que ao chegar as festas do Nadal había que arranxar un corral para gardar as galiñas, os polos e ata os cabuxos que lle regalaban. Pero o papel de conseguidor víñao exercendo dende moito antes, nos distintos destinos en Madrid; de aí que no 1953 se xuntasen no hotel Finisterre de A Coruña -e na Solana, porque no hotel non cabían- 1500 comensais nunha homenaxe dos concellos de Galicia a quen actuaba como cónsul galego na capital.

Naceu en Ferrol, no 1900, do matrimonio formado por Jenaro Lobo, maquinista naval valenciano, morto moi novo pola explosión dunha caldeira, e de Francisca Montero, mugardesa. Sería o avó quen coidaría da filla viúva e dos netos, neno e nena. Coidar da nai e da irmá solteira valeulle a Constantino para xustificar a súa condición de célibe, pero o certo é que non casaba porque era un bon vivant, a quen lle encantaba andar de troula cos amigos. Con varios vivía en Madrid, nun piso da rúa Castelló, adquirido en propiedade entre todos, cando, no 1944, casou coa ferrolá Humbelina Franco González-Llanos, viúva, con dúas fillas, coa que tería un fillo, Constantino; e una filla, María de las Mercedes. O regalo de vodas daqueles amigos foi facelo único propietario do piso que compartiran.

Penso que os ferroláns somos inxustos con Lobo Montero. Hoxe, incomprensiblemente, ten entre nós sona de cacique. ¿Cacique por que? Cacique é quen fai favores para obter beneficio propio, pero Lobo, ao axudar a tantos galegos, nin fixo fortuna, nin adquiriu poder. Ao chegar a democracia eliminamos os nomes franquistas da cidade, e entre eles o seu; pero a Lobo non lle adicaramos unha rúa por ser militar franquista, senón por axudar a traer o ambulatorio; de aí que a súa rúa estivese detrás do ambulatorio, a que agora é rúa Catalunya.

Claro que Lobo foi militar franquista, convencido, ademais, de que a razón a tiñan os sublevados; pero, rematada a guerra, para el non houbo vencedores, nin vencidos, e nunca discriminou a ninguén por roxo. Durante décadas presidiu o Centro Galego de Madrid, onde, en pleno franquismo, a carón da bandeira de España, ondeaba a bandeira galega; e onde dictaron conferencias e fixeron recitais recoñecidos galeguistas. E, o máis importante, Lobo foi avogado defensor de numeros republicáns en consellos de guerra celebrados en Ferrol, e fixo canto puido por salvalos a todos. Invito aos lectores a buscar en Internet o testemuño do avogado Alfonso Quintana Pena, concelleiro e deputado socialista, quen, dende o exilio en México, recorda o consello de guerra no que os seus defendidos, entre eles o alcalde Antonio Santamaría, foron condenados a morte; e a defensa que con notorio acierto fixo do concelleiro Federico Pérez Lago o capitán Lobo Montero, a quen moitos anos despois seguía chamando mi distinguido amigo.

Lobo Montero, home de ánimo sereo e excelente humor, aturou a ingratitude con estoicismo, e cando morreu, no 1993, quixo ser enterrado en Ferrol. No acto multitudinario en Catabois estivo xente de todas as ideoloxías.

siro@siroartista.com